StreetviewCompostela explora a imaxe da Galiza en Google

O espazo Solaina de Lugo exhibe o proxecto @streetviewCompostela.
Imaxes compartidas na conta de Instagram de @streetviewcompostela
photo_camera Imaxes compartidas na conta de Instagram de @streetviewcompostela.

A vindeira sexta feira, 26 de maio, ás 18 horas, terá lugar na galería de arte Solaina de Lugo  a inauguración de StreetviewCompostela, unha mostra individual da artista homónima conformada por diversas obras fotográficas ou vínculadas a esta disciplina.

O proxecto de streetviewcompostela nace influenciado, por unha banda, pola obra dixital de artistas coma Jon Rafman ou Michael Wolf, que cuestiona a autoría da propia obra ao reapropiarse de imaxes capturadas pola empresa Google e, pola outra, polo desexo de explorar os espazos limítrofes das cidades galegas (tomando como referencia a súa capital) onde se encontran o ámbito urbano e rural. A selección, unhas vinte fotografías, escollidas de entre máis de cen, pretende reflexar precisamente iso. 

Solaina

Solaina, un novo espazo con sede en Lugo desde o que promover a arte e a cultura da cidade e da Galiza en xeral, e no que os artistas poidan coñecerse, traballar xuntos, dialogar e exhibir as súas pezas. Este proxecto está actualmente dirixido e curado por Sergio Marey, un novo artista lucense.

Solaina quere ser un referente da arte na Galiza e no mundo, e cuxo obxectivo é proporcionar “un espazo aberto a todas as artes e disciplinas, a calquera proxecto, coa intención de descentralizar a arte e achegala á sociedade”. Solaina non só permite dar a coñecer a novos artistas contemporáneos, dándolles oco nunha galería, senón tamén serve para visibilizar todas as disciplinas, desde a música á pintura, pasando pola instalación, a moda ou a foto. 

A galería organiza anualmente o Ciclo de Performance Mexer no Museo MIHL e o Ciclo de Música e Visuais Colusións, ademais de traballar en proxectos con outros concellos e institucións.

Comentarios