A pegada do 'Ulises' na Galiza protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado

Aliás, entrevistamos María Touceda e falamos de Nina Reicyn, "a erudita xudía que non puido salvar María Casares".
Entrevistamos Diana Touceda neste número do 'Sermos'.
photo_camera Entrevistamos Diana Touceda neste número do 'Sermos'.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o semanario Sermos Galiza, que abre coa reportaxe 'A pegada do Ulises na Galiza', de Tensi Xesteira, con motivo do centésimo aniversario desta obra da literatura universal.

Analizamos nesta peza a primeira tradución de fragmentos que fixo Ramón Otero Pedraio no ano 1926 e entroncamos co labor titánico levado a cabo por Xavier Queipo, Antón Vialle, Eva Almazán e María Alonso Seisdedos e que nos trouxo esta novela río ao galego en 2013.

Entrevista a Diana Toucedo

No Sermos deste sábado a xornalista Irene Pin entrevista Diana Toucedo, que vén de facerse co premio na última edición do Festival de Cans (O Porriño) na sección de non ficción 'Furacáns', por Tatuado nos ollos levamos o pouso.

"Para min era fundamental esa cuestión da rede do apoio, case dos afectos, que se producían entre as mariscadoras", precisa Toucedo nesta conversa.

A erudita xudía que non puido salvar María Casares

Por outra parte, Alberto Ramos asina a peza 'Nina Reicyn: a erudita xudía que non puido salvar María Casares', na que analiza a recente investigación de María Lopo, que vén de recuperar, tras anos de pescuda, a vida e morte desta amiga de Casares que achou durante a ocupación nazi acubillo no fogar de París que a actriz compartía coa súa nai, Gloria Pérez.

"Sabemos hoxe que Nina e outras doce persoas da súa familia foron asasinadas en Auschwitz. Oito delas caeron na redada do Velódromo de Inverno. Leváronas primeiro ao campo de concentración de Drancy. Moïse, o pai, foi trasladado no primeiro convoi que saíu de Francia con dirección ao campo de exterminio o 19 de xullo. Matárono o 15 de agosto. Pola súa banda, Nina, a súa nai Sarah e a súa curmá Juliana, de cinco anos, subiron o 18 de setembro ao convoi 34. Chegaron dous días despois e xa non hai rexistros de que entrasen no campo. Enviáronas directamente á cámara de gas", explica Lopo

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Iago Suárez, que trae as últimas novidades, mentres Jasper asina un artigo titulado 'AHAB (All haters are bastardos)'.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por EverythingEverywhere All at Once, de Dan Kwan e Daniel Schneirt, e Carlos L. Bernárdez ofrece na sección de Arte unha análise da obra Vórtice, de María X. Fernández. Aliás, Xabier Vázquez Pumariño asina o texto 'Malditos sistemas complexos'.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro Sexades mar, de Manuel Álvarez e Helga Cabiddu, mentres Manuel López Foxo analiza A miña amizade con Castelao, de Ramón Otero Pedraio. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da Costa de Oleiros, nunha nova edición do Andar e Ver.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario; 64 páxinas por tres euros.

Comentarios