Sermos Galiza investiga o "escritor na sombra"

O número que sae do prelo este sábado tamén alude ao aniversario da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e propón ampliar os coñecementos sobre arquitectura. Se queres ler todos os contidos podes mercar o semanario que acompañará Nós Diario nos quiosques e puntos de venda habituais, así como na nosa tenda en liña.
A reportaxe de apertura de Sermos Galiza sobre os dereitos lingüísticos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A reportaxe de apertura de Sermos Galiza sobre os dereitos lingüísticos. (Foto: Nós Diario)

O “escritor na sombra” ou o que é case o mesmo, Millán Picouto, protagoniza o novo número de Sermos Galiza aproveitando a publicación da súa última obra. Na entrevista ‘Millán Picouto. O ourive do verso’, asinada por Manuel Xestoso, o autor reflexiona sobre a súa despedida do mundo da escrita coa saída ao mercado das obras completas baixo o título O macrocosmos.

Despois de catro décadas de dedicación á profesión, desde a retagarda, Picouto fala da súa traxectoria, da lectura, do teatro e dos versos, da creación contemporánea...

Na reportaxe de apertura ‘Dereito á identidade’, obra do xornalista Alberte Mera, atoparás unha reflexión sobre a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos.

Agora que se fan 25 anos da súa aprobación no Parlamento e co conflito pola mobilización na Toxa -pola deturpación do topónimo no foro económico e posteriores consecuencias, sobre a mesa-, é tempo de afondar nos pasos dados adiante e atrás e daqueles dereitos que unha vez conseguidos non sempre seguen a reivindicarse.

Pola súa banda, Iago Valverde fala cos arquitectos Luis Gil e Cristina Nieto no texto ‘Gil Pita-Nieto Peñamaría. Reparar’. Aluden á importancia das cousas pequenas.

Coñecer Fisterra

Tan pequenas ou tan grandes como as que mostra cada sábado o Colectivo Xea -Adela Leiro, Xan Colazo e Mon Daporta- no seu Andar e Ver. Nesta ocasión toca ir visitar o ‘Litoral de Fisterra, entre a calma da ría e a Costa da Morte’.

Xa no capítulo de recomendacións literarias, Mario Regueira e Inma Otero Varela botan man das súas bibliotecas para presentar O pintor cego de Genaro da Silva e A (des)memoria de Clara Vidal. No que a ideas para escoitar na fin de semana se refire, Fernando Montenegro opta por María Pérez se maenfestou de Mandeliña. Aliás, Carlos Penela titula ‘Guy Clark e o vento da magnolia’.

Andrés Castro regresa coa súa escolma de cinema, na que repara en Tres de Juanjo Giménez, unha produción compartida entre Francia, Lituania e España. E despois do cine (ou antes), nada mellor que gozar coa ‘Viaxe gastronómica á República Helénica’ de Anxo Fole cun bos viños de Vide, vide! Como feche do tempo de lecer quedan os divertidos pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Estás a agardar por todos estes contidos? O único que tes que facer é mercar Sermos Galiza, que acompaña a Nós Diario, este sábado nos quiosques e na nosa loxa en liña. Pero se non queres ficar sen ningún semanario, pide xa a túa subscrición!

Comentarios