Con Seoane sempre e tanto ten o lugar: agora, na Cidade da Cultura

Un mural realizado por Luis Seoane por encargo de Díaz Pardo pasa a se exhibir de modo permanente no Museo Centro Gaiás.

Mural Seoane Cidade da Cultura

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura exhibirá de modo permanente un mural realizado na Arxentina por Luis Seoane, que a Xunta vén de recuperar para o patrimonio público.  Esta peza é unha das poucas testemuñas que se conservan na Galiza da produción muralística de Seoane

A peza foi realizada por Seoane na década dos 70, encargada por Isaac Díaz Pardo para separar o obradoiro e as dependencias administrativas na fábrica de Porcelanas de Magdalena –Celtia S.A.– que el mesmo fundara na Arxentina.

O acto de presentación da obra no andar 0 do Museo Centro Gaiás, onde permanecerá a partir de hoxe, contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira Castro; e Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo e comisarios da exposición As miradas de Isaac.

Trátase dun gran mural de 230 por 390 centímetros e 200 quilos de peso, formado por catro paneis de idéntico tamaño perfectamente ensamblados entre si.

Sobre un fondo de táblex de madeira e cartón pintado –con pigmento amarelo mesturado con area do río da Plata–, Seoane plasmou unhas formas en relevo influenciadas por elementos da cultura popular galega, moi presentes en toda a súa obra do exilio.

Na parte superior, unhas rodas lembran ás dos carros de bois, mentres que na parte inferior se atopan as ondas do mar e conta coa sinatura característica do autor no ángulo superior esquerdo.

mostras Galicia, de Nós a nós e As miradas de Isaac, fan que a adquisición deste mural chegue ademais nun momento extremadamente oportuno”, remarcou.

A adquisición da peza foi realizada tralo certificado favorable emitido polo Consello Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

Camilo Díaz Arias de Castro, fillo de Isaac Díaz Pardo, conviviu con este mural na etapa na que traballou na fábrica de Porcelanas na Magdalena –entre 1965 e 1977–. A obra estaba situada na entrada principal da fábrica que daba acceso á galería comercial de venta ao público, no módulo da administración –onde tanto el como seu pai tiñan os seus estudios e habitacións– lembrando que pasaba diariamente por diante dela para ir á Universidade de La Plata, onde realizaba estudos de Química.

Destaca que, logo de poñer en marcha a fábrica de Porcelanas de Magdalena, Díaz Pardo encargou a Luis Seoane –con quen fixera unha grande amizade– que deseñara un mural para adornar a entrada da factoría. O motivo do mesmo era que ía facer unha visita o gobernador da provincia de Buenos Aires, Óscar Alende, con motivo da inauguración do Laboratorio Cerámico de Magdalena, que incluía un Laboratorio de Formas. Foi o propio Díaz Pardo quen construíu a base do mural sobre o deseño e as indicacións de Seoane, que nunha visita a Magdalena el mesmo rematou e asinou.

Comentarios