A Semana de Filosofía debate en Pontevedra sobre guerra e patriarcado

A edición da Semana de Filosofía, que deu comenzo nesta segunda feira no Pazo de Congresos de Pontevedra, terá como título 'Filosofía e Contrahexemonía'.
O alcalde de Pontevedra, Lores, inaugurou a Semana de Filosofía. (Foto: Aula Castelao)
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Lores, inaugurou a Semana de Filosofía. (Foto: Aula Castelao)

Nesta segunda feira tivo lugar a sesión inaugural da XXXVIII Semana de Filosofía, que este ano leva como título 'Filosofía e Contrahexemonías', no Salón de Actos do Pazo da Cultura da cidade de Pontevedra.

Por mor do atraso no remate das obras no Teatro Principal de Pontevedra, a Aula Castelao de Filosofía veuse na obriga de mudar a localización dos relatorios ao Pazo da Cultura.

A entrada ás xornadas é libre, mais quen desexe ter dereito á certificación (sexa por 20 horas como formación do profesorado da Consellaría de Educación ou como 1,3 créditos ECTS da Universidade de Vigo) precisa encher unha matrícula, dispoñíbel en liña na páxina da Aula Castelao.

Na primeira sesión, o profesor Carlos Taibo substituíu a Atilio Borón, quen por motivos de saúde non puido acudir, como encargado do primeiro dos relatorios da Semana. A intervención de Taibo levou por nome 'Rússia frente a Ucrânia: impérios, povos, energia'.

Taibo, até 2018 profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. é autor dunha vintena de libros, en castelán, relativos ás transicións na Europa central e oriental contemporánea, así como outra ducia de publicacións en galego-portugués. Nos últimos anos interesouse por materias máis xerais, como a teorización sobre o (des)orde internacional ou o colapso da civilización. 

Despois da sesión inaugural a cargo do profesor Taibo, a primeira xornada da Semana de Filosofía foi completada con outras dúas palestras a cargo de Pepe Cabido, profesor de Filosofía no Instituto de Ensino Secundario (IES) Antón Fraguas de Santiago de Compostela, e Jule Goikoetxea Mentxaka, da Euskal Herriko Unibertsitatea.

O relatorio de Cabido tivo por título 'Da masculinidade hexemónica á masculinidade disidente: unha experiencia pedagóxica', mentres que a de Goikoetxea 'Sobre a contrahexemonía patriarcal, nacional e neoliberal: aquí e agora'.

Nesta terza feira terán lugar tres palestras: 'Elucidación do concepto de contrahexemonía. A necesidade dun discurso forte para a esquerda', de Carlos Fernández Liria, da Universidade Complutense; Galician Broadcasting Corporation. O que queremos para a Galega', de Anxo Quintela, xornalista e locutor da Radio Galega; e ' Escola contrahexemónica: a escola do coñecemento', de Olga García Fernández, Profesora de Filosofía no IES Julio Verne, no municipio toledano de Bargas.

A clausura das xornadas decorrerá na sexta feira cun relatorio a cargo de Victoria Sendón de León, doutora en Filosofía e escritora, que terá como título 'A contrahexemonía nos tempos do cólera'.

Comentarios