A Semana de Filosofía será "Contrahexemónica"

A cita terá lugar este ano do 18 ao 22 de abril en Pontevedra. Manterá a organización en tres quendas de actividades diarias.
Cendón, Fernández e Mouriño (Foto: Nós Diario).
photo_camera Cendón, Fernández e Mouriño (Foto: Nós Diario).

A Aula Castelao de Filosofía presentou onte a programación da XXXVIII edición da Semana Galega de Filosofía, 'Filosofía e Contrahexemonías'. O presidente, Alexandre Cendón, sinalou que o cartel contén "como sempre unha obra de Castelao", neste caso "unha ilustración de Galiza Mártir" por representar "a loita contra a hexemonía vixente en aquel momento". 

Mañás: 'Pensar as contrahexemonías'

O relatorio de apertura do 18 correrá a cargo de Atilio Borón que falará da actual guerra en Ucraína. A intervención do día 19 será a do fundador de Podemos, Carlos Fernández, que centrará o seu relatorio "na defensa do legado da ilustración". Para o día 20 está previsto o relatorio de Abraham Rubín sobre "o pensamento e que liñas se forxan no mundo occidental".

As últimas xornadas serán para Óscar Horta e "a moral animalista" e para Raquel Cardeira que falará "do traballo e o capitalismo". 

Tardes: 'A Galiza e as Contrahexemonías'

As tardes comezarán o días 18 con Pepe Cabido, que propón vías para "transitar da masculinidade hexemónica a unha masculinidade diferente, disidente ao sistema patriarcal". Continuarán o día 19 con Anxo Quintela que falará das dinámicas laborais na práctica xornalística.

O día 21, Montse Fajardo abordará a "necesidade de ruptura do silencio hexemónico que nega o dereito á propia historia" e fechará as tardes o día 22 Tiffany López, reflexionando sobre o ensino "como ferramenta fundamental de autocoñecemento persoal". O día 20 será en formato mesa redonda con integrantes de movementos sociais que debaterán sobre "Formas de organización e praxe contrahexemónica"

Noites: 'Perspectivas Contrahexemónicas'.

Os relatorios das noites comezarán a primeira xornada con Jule Goikoetxea que propón que "non hai discurso universal e neutro". O segundo día Olga García falará da defensa da escola como servizo público. O terceiro, Ricardo Antúnez, disertará sobre pandemia e mercado de traballo.

O penúltimo día intervirá  Najat El Hachmi, que defende o Feminismo inclusivo, e rematará a Semana Victoria Sendón creadora da Fundación Matria.

Comentarios