sábado 29/01/22

O sector da escena rexeita privatizar a xestión do Auditorio de Ourense

Un total de 13 asociacións e entidades profesionais do mundo das artes escénicas asinaron esta terza feira un documento conxunto para amosar o seu rexeitamento á vontade manifestada polo Goberno de Ourense de externalizar a actividade do seu Auditorio Municipal.
2021031418352662573
Imaxe do Auditorio Municipal de Ourense. (Foto: Nós Diario)

Un total de 13 asociacións e entidades profesionais do mundo das artes escénicas asinaron esta terza feira, 13 de abril, un documento conxunto para amosar o seu rexeitamento á vontade manifestada polo Goberno de Ourense de externalizar a actividade do seu Auditorio Municipal. 

Como recollía en datas recentes Nós Diario, a proposta de Gonzalo Pérez Jácome estabelece un cambio no modelo de xestión do espazo e na orientación da programación. “O Auditorio será explotado por profesionais auténticos da industria do entretemento ou show business”, explicaba o alcalde e “o público que asistirá pasará a ser maioritario e variado, no canto de minoritario e repetido”.

Os colectivos asinantes do comunicado de rexeitamento explican que esta decisión non achegou "claridade respecto do modelo de xestión que pretende o Concello” para a aplicación do mencionado cambio.

Para as asociacións da escena, “o anuncio preséntase como unha manifestación máis da errática política cultural que parece afanarse en obviar os dereitos da cidadanía e do tecido produtivo cultural da terceira cidade galega”, sentencian.

A intención de privatizar a programación do Auditorio vén unirse, insisten, a outras “lesivas decisións políticas tomadas desde o Concello nos últimos anos”, explican aludindo á retirada de apoio a festivais “de longa tradición ou ao fechamento continuado neste 2021 do propio Auditorio”. 

Para as entidades asinantes do comunicado, “con esta decisión, que se antolla un paso máis no desleixo das funcións municipais, o Goberno local pretende desprenderse das responsabilidades de todo consistorio á hora de promover a cultura, de apoiar a cultura de base, de garantir o acceso á veciñanza a diferentes expresións artísticas ou dinamizar o tecido produtivo do sector”, recalcan. 

A Asociación de Actores e Actrices, Escena Galega, Músicas ao Vivo, Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, Academia Galega de Teatro, Plataforma Artes do Movemento, Asociación Emprendo Danza, Unión Internacional da Marioneta, Espazo CoopSectorial, Asociación Galega de Dramaturxia, Asociación Sindical de Técnicos do Espectáculo, Asociación de Festivais de Galiza e a Asociación de Circo son os colectivos que asinan o documento contra a decisión do Concello de Ourense.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

O sector da escena rexeita privatizar a xestión do Auditorio de Ourense
comentarios