As profesionais do teatro protestan contra o feche do auditorio municipal de Ourense

Entenden que se trata dunha decisión política e que non responde, baixo ningún concepto, á situación sociosanitaria.
Imaxe do auditorio municipal de Ourense. (Foto: Cedida)
photo_camera Imaxe do auditorio municipal de Ourense. (Foto: Cedida)

Trece entidades das artes escénicas e da música da Galiza expresan nun comunicado o seu rexeitamento á decisión do Concello de Ourense, e do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, de manter fechado o Auditorio Municipal. 

O espazo permanece sen actividade desde comezos de 2021. "A normativa vixente no referente ás restricións derivadas da crise da Covid-19 non impide a programación de espectáculos, concertos ou calquera outra actividade de cultura ao vivo", retrucan as profesionais.

Aliás, aluden á boa praxe que o sector vén demostrando á hora de implementar as medidas hixiénico-sanitarias precisas nos teatros, "xa que a preocupación e a vontade do sector é facer da cultura ao vivo un espazo de máximas garantías de seguridade non só para o público, senón tamén para os e as traballadores", insisten. 

O documento destaca que “a decisión do consistorio ourensán atende a unha xustificación política e non técnica, e non ten cabida porque entra en conflicto, primeiro, coa normativa vixente, e despois co dereito da cidadanía á cultura".

Por outra banda, insisten en que o Concello non renovou o convenio co circuíto escénico e musical promovido pola Xunta en colaboración coas entidades locais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), nunha "clara declaración de intencións sobre non programar actividade nos vindeiros meses".

É por iso que as entidades asinantes rexeitan "a determinación do equipo de goberno municipal de desatender a programación cultural da cidade". Entenden alén que "coa súa falta de colaboración, o consistorio pon de manifesto a súa falta de sensibilidade -mais, por riba de todo, de interese- por achegar á cidadanía o abano de programación cultural que lle corresponde como dereito"

Por último, subliñan que as consecuencias desta decisión "afectan afectan directamente á veciñanza" e impiden ás "profesionais sector do espectáculo ao vivo o desenvolvemento normal da súa actividade, xa de por si moi afectada polos sucesivos peches do último ano".

As asinantes son Escena Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Plataforma Artes do Movemento (PAM), a Asociación de Compañías de Danza Emprendo Danza, a Asociación de Profesionais de Circo da Galiza (APCG), a Unión Internacional da Marioneta da Galiza (UNIMA), Músicas ao Vivo, a Academia Galega de Teatro, a Asociación Sindical de Profesionais Técnicos do Espectáculo (TESGAL) e a Asociación de Festivais de Artes Escénicas da Galiza (AFEARTE).

Comentarios