Saúl Aguado gaña con ‘Fisterra’ o certame Manuel María de composicións musicais

O primeiro concurso Manuel María de composicións musicais xa ten gañador. Segundo desvelan desde a Fundación que leva o nome do poeta o premio recae no compositor Saúl Aguado de Aza

Manuel Maria4
photo_camera Gala concerto da Fundación Manuel María en Outeiro de Rei.(Foto: Nós Diario).

'Fisterra', da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais.

O obxectivo deste certame convocado pola Fundación Manuel María é seguir achegando a escrita da poeta á musica. Neste sentido, o secretario da entidade, Alberte Ansede, sinala a Nós Diario que “a poesía tanto historicamente como na actualidade ten na música a súa mellor aliada para difundila e popularizala”

Ansede lembra que “os grades mestres da nosa música como Pascual Veiga, Xosé Castro Chané ou Xosé Baldomir musicaron os grandes poemas de Rosalía de Castro, de Curros Enríquez ou de Eduardo Pondal”. Na mesma dirección, significa que Manuel María “é o poeta galego máis musicado após Rosalía de Castro”.

O secretario da Fundación Manuel María indica que “o estilo onde menos presenza ten Manuel María é o lírico, por iso xurde este certame coa pretensión de facelo máis visíbel neste xénero, plasmado neste ano nunha composición para piano e voz, neste caso de barítono, da autoría de Saúl Aguado”

Saúl Aguado de Aza

Saúl Aguado de Aza, compositor e pianista acompañante do Conservatorio Superior de Música de Madrid, atesoura un longa labor no ámbito educativo e creativo. Formado como pianista coa profesora Mariana Gurkova e con Anatoli Povzon, adquire a especialidade de composición de mans do profesor Eduardo Armenteros, conseguindo as máximas cualificacións na devandita especialidade así como na especialidade de piano.

Aguado de Aza traballou como pianista acompañante na Escola Superior de Canto de Madrid e en diversos conservatorios profesionais de danza, desenvolvéndose actualmente no o ICCMU onde realiza tarefas de copia, revisión e redución de partituras de orquestra.

O gañador do certame destaca pola súa actividade como compositor de música para voz e piano xa que en 2021 publicou catro volumes de cancións para as distintas voces chamado El canto del poeta, sendo, ao tempo, autor de  composicións para piano só, orquestra e música de cámara.

A Fundación Manuel María galardoou a Aguado de Aza cun premio de 1.000 euros, quen verá a súa composición editada xunto as obras doutros finalistas nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza.

O premio entregouse no marco dunha gala-concerto organizada na sede da fundación en Outeiro de Rei. A mesma, contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas 'Orballo' de Teo Montero, 'A lúa' de Saúl Aguado, 'Rosas' de Teresa Bretal e 'Fisterra' de Saúl Aguado. E nunha segunda parte presentaron en concerto o seu traballo No Camiño -dous séculos de canción galega-.

Comentarios