Samuel Diz e Faia Novo homenaxean Tino Prados na Casa Museo Manuel María

Outeiro de Rei acolle unha nova entrega de 'Músicas inéditas'.  Samuel Diz recupera unha escolma de partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados.
Fotograma Samuel no balcon da Casa Manuel Maria (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fotograma Samuel no balcon da Casa Manuel Maria (Foto: Nós Diario).

Samuel Diz e Faia Díaz regresan á Casa-Museo Manuel María este sábado ás 20 horas, para presentar en concerto o que hai uns meses interpretaron neste mesmo espazo museístico para gravar unha nova entrega do proxecto audiovisual Músicas inéditas en casas literarias.

Con este traballo recuperan unha escolma de partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados (1924-1981), na que se inclúen os poemas musicados O camiño do monte, de Uxío Novoneyra, e Soio na noite de Manuel María

Músicas inéditas en casas literarias é un proxecto de investigación, interpretación e divulgación do patrimonio musical galego para guitarra, inédito ou pouco coñecido, gravado coa copia facsimilar da guitarra orixinal de Federico García Lorca

Producido por Samuel Diz e Poliédrica, esta iniciativa xa ten percorridas até agora as Casas-Museo de Rosalía de Castro, Vicente Risco e Emilia Pardo Bazán

Tino Prados, o virtuoso da guitarra

Manuel María, escritor cuxa casa acolle este proxecto de recuperación da memoria musical galega, lembraba que "a música era a gran paixón de Tino Prados. Foi o gran animador da vida musical luguesa e mestre de varias xeracións". O poeta asegurou que Prados "compuxera pezas para a guitarra, da que era un virtuoso".

Tino Prados naceu en Lugo en 1924. Estudou na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, foi membro fundador do grupo artístico lucense Los Urogallos e profesor de debuxo no Círculo das Artes de Lugo.

A nivel musical, foi integrante do Rocho musical, formación na que se atopan as orixes da Sociedade Filharmónica de Lugo, e un dinamizador coa creación de numerosas agrupacións musicais na cidade, entre as que se atopaba a orquestra de guitarras do Círculo das Artes

Tras o seu falecemento en 1981, a Agrupación Guitarrística Galega publicou unha monografía que incluíu a edición facsimilar da mazurca Sarita, interpretada nesta produción xunto a outras partituras como o valse crioulo O carreteiro ou a danza moura Zoraida.

Por mediación dos familiares, Samuel Diz accedeu ao arquivo persoal do músico lucense, documentos entre os que atopan os orixinais de numerosos poemas musicados, como O camiño do monte, de Uxío Novoneyra, e Soio na noite de Manuel María, interpretados coa colaboración da cantante Faia Díaz.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios