Volta o Convivio da Cultura Galega da man de Uxía Senlle

A Fundación Manuel María anunciou que o vindeiro 9 de xullo terá lugar, tras dous anos sen realizarse pola pandemia, o Convívio da Cultura Galega na carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei.
A Casa-Museo Manuel María (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Casa-Museo Manuel María (Foto: Nós Diario).

O Convívio da Cultura Galega, xornada lúdica e festiva organizada pola Casa-Museo Manuel María en colaboración coa Federación Galiza Cultura, chega á súa IX edición.

Será este sábado, 9 de xullo, e contará de novo co marco da carballeira de Santa Isabel de Outeiro de Rei, tras verse alterado nestes dous anos pola Covid-19.

Os actos comezarán ás 11.30 horas, no cemiterio parroquial de Outeiro de Rei, cunha ofrenda na campa de Manuel María, na que intervirá o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril Vázquez.

As entidades que conforman esta Federación manterán durante toda a mañá do sábado, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, un encontro para programar novas iniciativas e levar a cabo accións en común para o ano próximo.

A protagonista desta edición será Uxía Senlle e o instrumentista e compositor brasileiro Sérgio Tannus, que leva residindo na Galiza nestes últimos anos. Actuarán ás 12.30 horas en compañía da Banda de Música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol nun concerto especial preparado para a ocasión e dirixido por Armando Morales.

Foliada con Xurxo Souto e cinco grupos musicais

A xornada terá a súa continuidade nun xantar popular no que cada quen terá que levar a súa comida. Xa pola tarde terá lugar unha foliada conducida por Xurxo Souto e protagonizada polos grupos Airinhos do Fiouco, Parabéns, Birloque Gaiteiros, Tradivivas Agra e Foliadeir@s do Castro de Begonte, neste último caso acompañados por Branca Villares, mestra de canto tradicional e pandeira, pandeiro e pandeireta e divulgadora do patrimonio musical galego.

Fechará a foliada Xurxo Souto e o saxofonista, e director do Festival de Pardiñas, Richi Casás.

Comentarios