'Santiago de Compostela no tempo' mostra os obxectos máis ocultos

Cen pezas narran un relato sobre a orixe da capital.
A mostra foi inaugurada esta sexta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A mostra foi inaugurada esta sexta feira. (Foto: Xunta da Galiza)

A exposición Santiago de Compostela no tempo inaugurouse esta sexta feira na sede que ten Afundación na capital galega.

A mostra, comisariada polo historiador Manuel Gago, convida a descubrir a identidade e herdanza cultural da cidade a través dunha escolma de cen pezas que narran un relato sobre a orixe, historia e evolución desta cidade, así como do seu universo de costumes, relacións e vivencias.

Gago explica que a súa intención foi "facer desta mostra algo diferente, de maneira que o público, a través dunha experiencia multimedia, se sinta parte dela e poida interactuar coas pezas, explorando a historia que se narra a través delas".

Por este motivo, a proposta conta con dúas mesas interactivas nas que se poden explorar os elementos da exposición e incluso retarse a recoñecer algunhas das imaxes características da estética compostelá.

A "herdanza cultural", segundo o comisario, atópase nas seccións en que está estruturada: Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios e Cidade narrada.

Para percorrelas convídase á persoa visitante a emprender unha viaxe creada a partir de perspectivas procedentes de eidos do coñecemento diferentes (Historia, Arte ou Urbanismo, Socioloxía), mais tamén escoitando as voces dos seus habitantes.

Pezas pouco coñecidas

O máis chamativo da exposición é a posibilidade de contemplar obxectos únicos e de difícil accesibilidade para o público, entre os que destaca o Libro de horas de Fernando I (1055) ou a campá da universidade (1600) ou dous relicarios (do séculos XI e XIX), pezas internacionais procedentes de Bélxica, testemuño do traslado dun pequeno fragmento das reliquias do apóstolo a Liexa en 1056.

Xunto a elas, pezas doa inicios da arqueoloxía galega, como o baleirado en xeso do petróglifo de Conxo (1935).

Comentarios