O libro máis antigo da Galiza sae da cámara acoirazada e será exposto en Compostela durante todo o mes

Este histórico manuscrito ficará exposto na sede de Afundación de Compostela os próximos 30 días.
Esta quinta feira trasladouse o libro. (Foto: Manuel Gago)
photo_camera Esta quinta feira trasladouse o libro. (Foto: Manuel Gago)

A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situada no Colexio de Fonseca, atesoura o que se considera o libro máis antigo da Galiza, o Libro das Horas de Fernando I, datado en 1055 e que esta quinta feira abandonou, por vez primeira en máis de 20 anos, a cámara acoirazada na que se conserva para ser exposto na mostra 'Santiago de Compostela no tempo', que se inaugurará esta sexta feira na sede de Afundación na rúa do Vilar, na capital galega.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, así como o reitor da USC, Antonio López, asistiron ao traslado deste valioso exemplar desde o lugar no que se custodia até o que ocupará durante o próximo mes.

A súa exhibición resulta excepcional, xa que é a primeira vez en case tres décadas que o libro abandona o Colexio de Fonseca, tras a exposición 'Extramuros', da que tomou parte no ano 1993. Aliás, a última mostra na que participou, esta vez dentro de Fonseca, foi no 2000, hai máis de 20 anos.

Por motivos de conservación, a súa estancia na exposición limitarase a un mes, período tras o que será substituído por un facsímile até o final da mostra, en setembro.

Agasallo da raíña Sancha a Fernando I

O Libro das horas de Fernando I foi un encargo realizado pola raíña Sancha a modo de agasallo para o seu marido, Fernando I, conde de Castela, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia.

O manuscrito contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, entre a que destaca unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte. Segundo apunta Manuel Gago, comisario da mostra, é un dos primeiros testemuños da linguaxe formal románica e da espiritualidade medieval privada.

'Santiago de Compostela no tempo' é a primeira do sete mostras dun amplo proxecto expositivo, 'Cidades no tempo', que profundará na cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas. Está organizada pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e pola Obra Social de Abanca, Afundación.

Comentarios