San Sadurniño ponse diante das cámaras durante o Chanfaina Lab

O encontro de cineastas desenvólvese ao longo desta fin de semana.
O domingo homenaxearáse ao pioneiro do cine galego José Gil.
photo_camera O domingo homenaxearáse ao pioneiro do cine galego José Gil.

Esta sexta feira comezou a oitava edición do Chanfaina Lab en San Sadurniño, un encontro de cineastas no que as persoas participantes recollen, nas súas creacións audiovisuais, as súas impresións sobre o territorio do concello, no que gravarán unha película de entre tres e cinco minutos, con liberdade absoluta en canto ao tema e o tratamento visual. 

Durante esta fin de semana, rodarán por todo o municipio as persoas do concello Ánxela Arnosa, Bieito Beceiro, Fran Bermúdez, Aroa Calvo, Kevin Lorenzo, Iago Lourido, Pablo Martínez, o tándem formado por Víctor Rico e Xosé Manuel Rabón, Catalina Rodríguez, Soraya Yáñez e Abel Vega, e os colectivos NaraíoMedia, Sansadurnenas, The Sun Girls e Teño unha horta. 

Ademais, participarán tamén cineastas invitadas como Félix Brisel, Francisco J. Cela, Candela Conde, Nela Fraga, Juan Galiñanes, Manolo Gómez, Diana Gonçalves, Tono Mejuto, Xoán R. Caridad, Mirian Opazo, Adriana Páramo, Miguel A. Romero, Cristina Souto, Ignacio Vilar, e os colectivos Memoria e Cinema e Meu. 

A iniciativa acadou o premio o XI premio José Sellier (2022) outorgado pola Academia Galega do Audiovisual por "fomentar a liberdade creativa e favorecer a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica. Unha proposta que reivindica a súa alma rural e o seu espírito comunitario, sendo quen de implicar a veciñas e veciños e de inspirar as vocacións de novas xeracións de cineastas". 

Actividades

O encontro arrincou coa “Eira de cineastas”, un acto de presentación de todos os participantes desta edición, que proxectaron na Casa da Cultura algúns dos seus traballos anteriores. 

As actividades continuarán hoxe ás 12 horas, na Casa  da Cultura, cun espectáculo para público familiar da narradora oral Raquel Queizás, Cinema de historias da man de Alice Guy. Pola tarde, a partir das 20 horas, proxectaranse algúns dos traballos de edicións anteriores, con filmes de Oliver Laxe, Natalia Porca, Aldara Pagán, Abel Vega, Aser Álvarez, Álvaro Gago, Fran Bermúdez, Alberte Pagán e The Sungirls.

Xa o domingo, o adro do Convento do Rosario acollerá, de 10  a 12 horas, presentacións e visitas guiadas á mostra José Gil, pioneiro do cine galego e, ás 13 horas, un concerto homenaxe a Gil a cargo da Asociación Cultural Musical "Sementeira" e a Xove Banda de Narón. 

Comentarios