Hemeroteca (2015)

Saleta Goi: "A Manuel María encantaríalle ser homenaxeado co Día das Letras o ano das Irmandades"

Con motivo do pasamento este sábado de Saleta Goi, viúva do escritor Manuel María, recuperamos a entrevista que concedera a 'Sermos Galiza' o 9 de xullo de 2015 e que reproducimos íntegra a continuación. A conversa enmárcase na elección de Manuel María como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2016.

Saleta Goi, na súa vivenda, na entrevista que concedeu a Sermos Galiza en 2015. (Foto: M. O.)
photo_camera Saleta Goi, na súa vivenda, na entrevista que concedeu a Sermos Galiza en 2015. (Foto: M. O.)

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi (A Pastoriza, 1932), recíbenos na súa casa, ateigada de imaxes do poeta de Outeiro de Rei, do que fala en presente, "eu nunca digo que son a súa viúva, eu son a súa muller". No medio da conversa ten que atender varias chamadas que a felicitan por ser elixido Manuel María o autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas de 2016. Espontánea e natural, revélase satisfeita pola reacción social que espertou a elección da Academia.

—Como recibiu a noticia da elección?
Normal, pois Manuel María é un creador con moita obra. Estou moi agradecida polo recoñecemento.

—Que lectura fai do consenso que houbo na votación?
Con respecto aos outros candidatos (cada un ten un matiz e non teñen que ver as obras duns coas doutros), véxoo moi positivo porque sei que a Manuel non lle gustaría saír polos pelos.

—Que suporía para Manuel María ser homenaxeado co Día das Letras?
Non sei contestar a esta pregunta [fica pensativa]… Sei que coincidir co ano das Irmandades encantaríalle. Non gosto nada de dicir o que outro faría sen poder falar.

—Como vai vivir Saleta este ano?
Como todos os anos! Eu xa teño o Manuel todos os días comigo. Velo? Está aí e alí, e tamén alí [sinala diferentes fotografías]. Téñoo en todos os sitios. Estou contenta, pero tomo a decisión con naturalidade.

—Como debería ser o ano de Manuel María?
Non o sei. Non teño moito que dicir sobre como debería ser o ano, pois depende das solicitudes para editar libros, dos actos que marque a Academia… Ademais, está a parte social: é a sociedade quen marca o que hai que facer. A xente ten liberdade para facer o que queira. Non é Saleta quen ten que dicir como debería ser o ano.

—Que queda por facer para este 2016 dedicado a Manuel María?
A proposta ten que partir das editoriais, da súa liberdade. A Fundación Manuel María non o decide. Cando cheguen propostas estudaranse no Padroado e consultaranse na Executiva da fundación.

—O recoñecemento a Manuel María por parte da Academia está a ser moi popular. Como valora o eco que está a ser a súa designación?
Estou moi contenta coa resposta social. A reacción social resúltame moi satisfactoria, como o é tamén que contara cunha maioría moi ampla na Academia. Manuel María faleceu hai 11 anos, pero nunca se retirou do ensino. Percorreu centros e institutos de norte a sur e de leste a oeste do país e a un neno ou nena que escoitara recitar o Manuel non se lle esquece. Quizais, a día de hoxe, ese neno ou nena sexa un profesor ou profesora.

Aí está a cuestión popular. Ademais, a súa obra é comprensíbel, pois sempre se preocupaba moito por que se lle entendera. Facía un esforzo máximo para, dentro do que pode facer un creador, fose o máis comprensíbel posíbel. A popularidade tamén vén, en boa medida, pola grande introdución social de Soños na gaiola. Xunto a Memorias dun neno labrego foi o libro galego máis lido en anos.

—Que papel pensa que desenvolverá o asociacionismo?
Penso que se vai implicar. Precisamente, este sábado a Fundación celebra un convivio que xa tivo lugar o ano pasado e que queremos que siga a ter continuidade. A Fundación quere facer o que Manuel María fixo en vida: defender a cultura do país. A defensa da lingua como sostén do país era unha preocupación tremenda do Manuel. Isto tamén o facían as Irmandades da Fala. Por certo, gostei moito de que coincidise no tempo o Día das Letras para Manuel María co centenario da creación das Irmandades.

—Falando da Fundación. Como está funcionando?
Moi ben. Este funcionamento débese a xente tan activa que forma parte dela e que tanto traballou nela nos últimos anos. Tivo unha gran cantidade de visitas. Basta con acceder a www.manuelmaria.com. Pasaron 11 anos desde que faleceu o Manuel pero segue estando dentro dos centros de ensino. Penso que os centros de ensino van acoller moi ben este ano, pero isto depende non só das obras do autor, senón tamén do equipo de docentes do centro. O que estamos facendo na fundación era o que el quería e o que está probado na súa obra e na súa didáctica.

—Manuel María conta cun perfil moi rico e variado. Poderá amosarse todo nun ano?
Desde o existencialismo, ao paisaxismo (de aí a deriva da etnografía), pasando polo ecoloxismo, a morte, a relixión… Tamén está o ensaio, o teatro e os numerosos artigos xornalísticos que escribiu, tanto en El Ideal Gallego nunha primeira época como en A Nosa Terra e en El Correo Gallego. É moita obra e sacala toda é imposíbel. A de tomos que darían os artigos xornalísticos! Aínda así, hai obra moi interesante para levar aos centros de ensino. Como dicía antes, non somos nós quen decidimos que se vai amosar, son os peticionarios. Desde a Fundación estamos a sacar de dous a tres libros cada ano.

—Manuel María é un dos poetas máis cantados da literatura galega. Como foi a súa relación coa Nova Canción Galega?
Foi moi cantado… A primeira vinculación veu pola editorial catalá Edigsa, cuxo distribuidor en Madrid era Manolo Conde, moi amigo noso. Pedíronlle a Manuel un disco de poemas, que foi Acuso a clase media, un disco moi combativo. Edisa precisaba unha casa galega para entrar en Galiza e quixo gravar co selo Xistral, que nós tiñamos rexistrado. Foi decisiva a influencia de Raimon, a quen presentou o Manuel co poema que lle dedicara nun recital que tivo lugar en Santiago. A canción galega era para Manuel María unha necesidade de país. O Manuel tiña unha análise sobre que era o que precisaba o país e entregou a súa vida ao país. A súa obra responde ao que era Manuel.

—O feito de que Manuel María sexa o homenaxeado no Día das Letras, resituará a súa obra dentro da historia da literatura?
A súa obra ten que explicarse non por un ano que se lle dediquen o Día das Letras, senón que ten que asumirse até que se libere o país. A súa obra ten unha razón de ser. Existe porque hai un país detrás, que é Galiza.

Comentarios