CONTRACULTURA

Nanina Santos, premio Mulleres de Compostela 2024: “Está moi ben que se recoñeza a loita feminista, que non naceu onte nin caeu do ceo"

Nanina Santos (Padrenda, Terra de Celanova, 1951) foi unha das impulsoras da Asociación Galega da Muller, creada en 1976, e da revista Andaina, fundada en 1983 e que agora chega ao seu derradeiro número. É unha das oito persoas recoñecidas no acto Mulleres de Compostela 2024, organizado antonte polo Concello da capital da Galiza.
Nanina Santos Castroviejo é promotora da revista 'Andaina', que chega ao seu derradeiro número. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Nanina Santos Castroviejo é promotora da revista 'Andaina', que chega ao seu derradeiro número. (Foto: Nós Diario)

Como se sente cando están a piques de publicar o número final da revista galega de pensamento feminista Andaina?

Inquiétame un pouco que as persoas subscritas o vaian saber así, porque aínda non enviamos o correo informando da nosa decisión. É unha despedida dolorosa. O certo é que os recursos humanos, máis que os económicos, son moi limitados. As cousas que se fan só entre mulleres teñen unhas obvias limitacións, non por talento, capacidade nin competencia. Ao ser unha revista amadora, non profesional, forma parte do que cada unha quere e pode pór aí. 

Agora mesmo enfrontámonos a problemas de saúde das mulleres máis entradas en anos, problemas de atención á dependencia, a xente nova que se incorporou ten uns traballos extraordinariamente precarios. Cremos que é mellor ter un final máis feliz, que estar morrendo pouco a pouco. 

Nos anos 90 sacabamos tres números en papel ao ano, despois decidimos un anual e agora xa non damos nin para iso. Hai algunhas mulleres que teñen máis reservas con respecto a esta decisión, mais tamén son conscientes de que isto non se sostén tal e como estamos agora. No comezo primaba o entusiasmo, eramos moito máis novas; a situación, desde o punto de vista laboral, empeorou moito nos últimos anos. E por outra banda, as mulleres que traen crianzas ao mundo teñen que coidar delas, non soas necesariamente, mais require unha dedicación. 

O paso do tempo foi incrementando as dificultades e se a xente nova estivera en mellores condicións poderiamos pasar o testemuño. 

Hai falta de renovación?

Non creo que utilizara ese termo en concreto. Si é certo que se houbera moita xente incorporándose e que puidera aportar aínda que fose un pouquiño, iría sumando. 

Logo está a tendencia ao agrafismo das mulleres en xeral. Custa atopar mulleres que queiran escribir na revista, ben porque pensan que hai outras que poden facelo mellor ou ben porque din que lles custa moito. A min tamén me custa claro, mais hai que pórse e a base de práctica ir mellorando. 

Como recibe o recoñecemento do Concello de Compostela?

Creo que é un recoñecemento individual, mais eu non o sinto tan así porque ao final todo o que se recoñece en min é a traxectoria de moitas mulleres, en particular das que cofundamos a Asociación Galega da Muller e das que estivemos en Andaina. Agradézoo evidentemente e creo que está moi ben que se recoñeza a loita feminista, que non naceu onte nin caeu do ceo. 

Lembro cando nos berraban porcas, adúlteras e asasinas na década de 1970. Había xente activa e organizada que nos chamaban españolistas ou burguesas. Acusábannos de dividir a clase obreira ou o pobo. Hoxe parece impensábel, mais todo traballo pioneiro acaba por enfrontarse a isto. Son un pouco contraria a esta tendencia tan estendida e que nos queren vender que é a da persoa individual co seu valer, o seu saber e demais. Non. Nós melloramos e melloramos a vida social de maneira colectiva. Non digo que as persoas individuais non teñan o seu papel ou a súa responsabilidade, mais creo que é xusto esa chamada ao individualista o que nos fai máis febles, o que nos creba como comunidade e o que impide o traballo comunitario. Trátase de vivir en comunidade da mellor maneira posíbel, co maior número de dereitos e liberdades. 
 

Comentarios