'Roubou' o museo Marès de Barcelona dúas pezas dunha igrexa de Silleda?

As pezas en cuestión son un cristo entronizado e un relevo medieval con símbolos dos evanxelistas San Xoán e San Lucas, que pertencen a un tímpano eclesiástico datado cara ao ano 1.200 e están elaborados en granito.
Exterior do Museo Marès de Barcelona (Foto: Nós Diario).
photo_camera Exterior do Museo Marès de Barcelona (Foto: Nós Diario).

A Xunta da Galiza remitiu dúas cartas ao Museo Marès de Barcelona e ao Concello da Cidade Condal para solicitar información acerca de como chegaron a esta institución dúas pezas procedentes da igrexa de Carboeiro, en Silleda, que, segundo apunta a investigación dun experto, foron "expoliadas" deste templo.

Así o confirmaron fontes da Consellaría de Cultura, que se mantén tamén en contacto co historiador que fixo pública esta cuestión para coñecela en profundidade e avaliar as "posibilidades xurídicas e iniciativas políticas que correspondan".

As indagacións tiveron como orixe un artigo do historiador de arte Francisco Prado Vilar, no cal argumentaba que hai cartas do Arquivo da Galiza e o Arquivo Xeral da Administración que "proban a subtracción ilegal de dous relevos procedentes do tímpano da portada da igrexa de Silleda", pezas que "actualmente se atopan no Museu Marès de Barcelona", apuntaba.

Fontes do Institut de cultura de Barcelona (Icub) explicaron que desde o Museu Marès "sempre se tivo constancia do emprazamento orixinal das pezas" en Carboeiro, mais "até o de agora non se tivo indicios de que a orixe das pezas fose ilexítimo".

Adquiridas a unha coleccionista

O director do Museu Marès, Salvador García Arnillas, informou de que, efectivamente, a institución recibiu na tarde desta terza feira unha carta do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na cal pide información para aclarar a orixe dos dous relevos para determinar a súa "posíbel orixe ilexítima". Arnillas remarcou que a Xunta pide información para aclarar a orixe das pezas e estudar as opcións que se abren, pero que non se trata dun requirimento.

En declaracións aos medios, o director explicou que o museo está a estudar toda a información dispoñíbel da documentación sobre as dúas esculturas, que comprou en 1980 á coleccionista Ericka Birk.

As pezas

As pezas en cuestión son un cristo entronizado e un relevo medieval con símbolos dos evanxelistas San Xoán e San Lucas, que pertencen a un tímpano eclesiástico datado cara ao ano 1.200 e están elaborados en granito.

O director do museo sinalou que a institución está a redactar un informe técnico con toda a información posíbel, que prevé ter "nuns días", e que logo será o Concello de Barcelona quen tome a decisión en función ao que determine o estudo.

Comentarios