Recuperan en Sabadell un manuscrito do século XVIII que desaparecera tempo atrás en Rois

Nos anos 70 e 80 desapareceron da Galiza "unha inxente cantidade de libros, textos e outros obxectos".
O manuscrito achado en Sabadell. (Foto: Policía Nacional)
photo_camera O manuscrito achado en Sabadell. (Foto: Policía Nacional)

A Policía Nacional recuperou esta sexta feira en Sabadell (Catalunya) un manuscrito datado no século XVIII cuxa desaparición fora denunciada meses atrás na parroquia de San Pedro de Herbogo, en Rois.

Aínda que se descoñece cando desapareceu o exemplar, o responsábel do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago denunciou en agosto a falta, entre outros documentos, do manuscrito Manuscripts, manuscrito, Santiago de Compostela, Socastro San Pedro de Herbogo, 1786, após realizar un inventario das obras da parroquia.

Unha vez iniciada a investigación para esclarecer a desaparición dos documentos, a Policía descubriu que un deles ofertábase para a súa compra na internet, a través dunha ligazón a unha libraría con sede física na localidade de Sabadell.

Os investigadores entrevistáronse coa persoa encargada de xestionar a libraría, especializada en libros antigos, na que se ofertaba o manuscrito. Con todo, non foi posíbel concretar a forma en que chegou a formar parte do seu catálogo, ao datar a súa adquisición duns 20 anos atrás.

Fontes policiais precisan que era unha práctica habitual da libraría adquirir libros e documentos en mercados de ocasión e de segunda man, tanto en Sabadell ou Barcelona como noutras cidades.

Apuntan, nun comunicado, a que a obra puido ser subtraída na década dos 70 ou 80, xa que durante eses anos, indican, desapareceron da Galiza "unha inxente cantidade de libros, textos e outros obxectos".

"Ao ser Catalunya unha comunidade autónoma que conta cunha gran cantidade de estabelecementos dedicados á arte en xeral, e ás antigüidades en particular, non é descartábel que se poida producir a recuperación de máis obras subtraídas", avanzan.

A Brigada Provincial da Policía Xudicial de Barcelona (Grupo 24 de Patrimonio Histórico), que recuperou o manuscrito, fixo a súa entrega formal esta quinta feira ao Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela, nun acto protocolario no Mosteiro de San Martiño Pinario.

Comentarios