Un xulgado de Barcelona investiga Pablo Casado por inxuriar o ensino en catalán durante un acto na Galiza

O ex presidente do PP enfróntase tamén a un posíbel delito de calumnias e outro de discriminación e odio.
O actual presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o seu predecesor, Pablo Casado. (Foto: Europa Press)
photo_camera O actual presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o seu predecesor, Pablo Casado. (Foto: Europa Press)

Un xuíz de Barcelona investiga o ex presidente do PP Pablo Casado por unha serie de declaracións difamatorias que o antigo dirixente conservador verteu contra o ensino catalán, segundo avanza a diario Ara e confirmou a Axencia Catalá de Noticias (ACN).

As declaracións en cuestión tiveron lugar en decembro do ano pasado, durante un acto desenvolto na Galiza cando aínda exercía como presidente do Partido Popular. En concreto, Casado afirmou que había profesores con instrucións de non deixar ir ao lavabo aquelas crianzas que falasen castelán.

“Pódese tolerar que haxa profesores con instrucións para non deixar ir ao baño crianzas porque falan en castelán? Pódese tolerar que haxa crianzas ás que, por falar en castelán no recreo, lles metan pedras na mochila?”, manifestou o político do PP.

Casado realizou esta declaración despois de que se fixese pública unha decisión xudicial que obrigaba unha escola de Canet de Mar a impartir 25% das clases en castelán.

Presunto delito de inxurias

O maxistrado ordenou iniciar o proceso de investigación contra o ex dirixente popular por un presunto delito de inxurias, sen descartar un de calumnias e outro de odio e discriminación. Neste sentido, Casado esta citado para declarar o vindeiro 30 de xaneiro, aínda que a súa intervención terá lugar por videoconferencia.

A Generalitat de Catalunya presentou unha primeira querela por estas declaracións ante o Tribunal de Supremo, debido a que Casado era naquel momento deputado do Congreso e contaba coa condición de aforado. O Supremo arquivou esta querela, o que levou o Executivo catalán a presentar unha segunda nun xulgado ordinario de Barcelona, finalmente admitida a trámite.

Aínda que nun primeiro momento o xulgado da Cidade Condal inhibiuse a prol dun da Coruña, onde decorreu o acto no que Pablo Casado realizou estas declaracións, a propia Generalitat presentou un recurso contra o traslado.

Ademais da súa comparecencia en xaneiro, o xuíz tamén pediu ao PP a gravación completa da rolda de prensa onde fixo as declaracións. O ex dirixente popular poderá presentar recurso en contra da decisión xudicial.

Comentarios