Rosalía de Castro, homenaxeada en Vilalba cun mural

'A fiestra de Rosalía' é obra de Pablo Lage Van Kraft e foi impulsada polo Instituto de Estudos Chairegos en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O mural, 'A fiestra de Rosalía', figura na contorna do Parador de Vilalba. (Foto: Deputación de Lugo)
photo_camera O mural, 'A fiestra de Rosalía', figura na contorna do Parador de Vilalba. (Foto: Deputación de Lugo)

O grafiteiro e deseñador vilalbés Pablo Lage Van Kraft deu vida durante a pasada semana a un mural que rende homenaxe a prolífica autora Rosalía de Castro na contorna do Parador de Vilalba e que nesta terza feira foi visitado pola vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e máis representantes do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha).

O deseño, titulado 'A fiestra de Rosalía', retrata a autora "na súa representación máis icónica, cunha gama de cores cálidas, propias da paleta cromática da Terra Chá e adaptadas á contorna na que se realiza", precisaron desde a Deputación.

Esta obra fica a carón do xardín da Torre dos Andrade e na área de influencia do trazado do Camiño Norte ao seu paso pola vila chairega, e ocupa unha superficie duns 80 metros cadrados, na fachada lateral dun edificio particular entre a rúa Conde Pallares e o acceso ao xardín do Parador.

"Despois de varios meses de trámites administrativos, seguindo rigorosamente a normativa de patrimonio en canto a formas e cores, e do traballo artístico de Pablo Lage, podemos gozar dun mural de recoñecemento da figura de Rosalía de Castro, unha das grandes figuras do noso país, que pouco a pouco vai ocupando o lugar que merece", apuntou Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, entidade que impulsou o proxecto coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación.

Pola súa parte, Maite Ferreiro sinalou a oportunidade que "o auxe da arte urbana ofrece para achegar referentes culturais como Rosalía de Castro a un público maioritario, especialmente ás xeracións máis novas".

Aliás, encadrou o "apoio a esta iniciativa do Iescha na liña de traballo que ven desenvolvendo a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para divulgar e pór en valor a figura da autora, con programacións anuais que inclúen intervencións artísticas e representacións teatrais nas diferentes comarcas".

En concreto, asegurou, neste 2022 desenvolvéronse dez representacións de obras teatrais inspiradas na autora —como Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, ou A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola— e outras nove intervencións murais en recintos educativos, entre eles,o CEIP Mato Vizoso de Vilalba.

Comentarios