martes 24/11/20

Romper co mandato de xénero da depilación

Embora edita en galego o ensaio A contrapelo, de Bel Odil
Isabel Olid, coñecida como Bel Olid, é unha escritora e tradutora. (Foto: Nós Diario)
Isabel Olid, coñecida como Bel Olid, é unha escritora e tradutora. (Foto: Nós Diario)

Mostrar en público o vello corporal é unha especie de cartel luminoso que di: “non sigo o mandato de xénero que é a depilación”. Non depilarse “colócate no caixón das rebeldes, posibelmente feminista tortilleira malfollada (e tanto ten en cales destas categorías te sitúes en realidade)”. Así escribe Bel Olid no ensaio A contrapelo. Ou por que rachar o círculo de depilación, submisión e autoodio, editado en galego -desde o orixinal en catalán- por Embora.

O libro comeza relatando experiencias persoais. “O fracaso absoluto á hora de traer ao rego os meus pelos era máis que un fracaso práctico que me condenaba a pantalóns longos e días sen praia: era un fracaso manifesto na miña feminidade”, indica a autora. A primeira vez que saíu da casa con pantalóns curtos e pelos sentiuse vulnerábel e eufórica, mais tamén fea e avergoñada. 

Porque, para ser “feminina”, reflexiona, “tes que parecer, en realidade, unha nena. A presión por uniformizar os corpos de nenas e mulleres ten que ver cunha necesidade de facer recuar as mulleres, que sen dúbida avanzamos en dereitos e recoñecemento social, ao imaxinario da menor de idade tutelada polos homes”.

Odil realiza un pequeno percorrido pola historia dos hábitos depilatorios que axuda a comprender este mandato social. Durante a Idade Media, asegura, a Igrexa católica propagou “a idea de que a depilación das zonas íntimas era pecaminosa”, freando un costume que estivera estendido entre mulleres e homes como unha marca de pertenza ás clases altas. Séculos máis tarde, “canto máis ían subíndose as saias e acurtándose as mangas, tanto máis aumentaba a obriga de depilar as pernas e os sobrazos”. E a medida que se van destapando máis os corpos na publicidade e no cine, aumenta a presión para tomalos como modelo, até o punto de que as nenas comezan tamén a depilarse.

Nenas sen pelos

“A empresa estadounidense de depilacións Wax Candy afirma que o 10% das súas clientas teñen menos de trece anos”. Mais a reacción das familias -di- non é tentar eliminar o maltrato na escola, senón levar as nenas a depilar. Ao mesmo tempo que as nenas son sexualizadas con depilacións ou bikinis con recheo, as adultas son infantilizadas co mandato de eliminar o vello pubiano ou mesmo operar a vulva para que pareza a dunha nena.

As mulleres famosas comezan a poder permitirse non depilar certas partes do corpo -nunca a cara- se cumpren, no resto, coas normas do físico normativo. De xeito semellante, unha muller lesbiana é sometida ás mesmas normas de construción do desexo, polo que, se salta a norma, opina a autora, é tamén por unha postura consciente en contra do binarismo de xénero. Claro que -admite- iso é algo que, en calquera caso, terán máis doado mulleres cis, brancas, de certa posición social… 

En calquera caso, apunta, sentirse menos “guapa” ao non depilarse é parte dun proceso normal, xa que os modelos de beleza implican non ter pelos. Mais a pregunta a facerse -propón- é por que tes que estar “guapa” e para quen. Por que tes que gustar a todo o mundo e a todas horas. Se o esforzo -a dor, o tempo, o diñeiro- compensa a aprobación social. E se queres estar con alguén que di sentir noxo do teu corpo. Reflexións a partir das cales, quizais, se poida empezar a pensar a depilación é unha escolla libre ou non.
 

comentarios