A Real Academia Galega celebra na Rede os sesenta anos do ingreso de Cunqueiro na institución

Cunqueiro pronunciou, fiel ao seu carácter, un discurso no que fabulou diversas historias para analizar o imaxinario dos tesouros na mitoloxía popular. “Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario. Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos”, concluíu
Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro.
photo_camera Fernández del Riego e Álvaro Cunqueiro.

O 21 de abril de 1963, Álvaro Cunqueiro (1911-1981) convertíase en académico de número. O seu Mondoñedo natal acolleu o acto de ingreso na Real Academia Galega no que deu lectura ao discurso titulado Algunhas imaxinaciós sober tesouros. “Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario, e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo. Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa pobreza aínda somos ricos”, concluía o escritor tras, fiel ao seu estilo, fabular diversas historias para analizar o imaxinario dos tesouros na mitoloxía popular galega, tan definidora da súa obra literaria.

 

O encargado de lle responder en nome da institución sería deseguido o seu amigo Francisco Fernández del Riego (1913-2010). 

Co gallo desta efeméride, e no marco das celebracións dos tamén sesenta anos do Día das Letras Galegas e da Fundación Penzol, a RAG difunde na súa páxina web os textos mecanoscritos de ambas as intervencións, conservados no arquivo institucional, xunto a outros documentos relacionados co ingreso do gran fabulador mindoniense -fotografías e a minuta do xantar posterior- e mais a súa obra.

Os discursos poden lerse ademais na edición dixital dispoñíbel na sección de publicacións de academia.gal.

 Poucas semanas despois daquela recepción, a Real Academia Galega celebraba o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía de Castro. En 1991 o protagonista sería o propio Cunqueiro.

O homenaxeado é desta volta Del Riego, 'Don Paco', o pai intelectual da gran festa cívica da Galiza. A proposta da súa creación fora aprobada no pleno da RAG ao se someter a votación a iniciativa asinada por Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e 'Don Paco', quen moito tempo despois chegaría a presidir a RAG (1997-2001). 

Comentarios