Contracultura

Pepe Carreiro: "Imaxinei Paco del Riego paseando con Risco por Compostela e bailando con Tutankamón"

Pepe Carreiro, ilustrador, é o encargado de pór as imaxes na biografía 'Francisco Fernández del Riego, o home que valía por mil' (Galaxia), cos textos de Antón Mascato. Carreiro aborda os pormenores do deseño tanto da súa figura como da época, "un mundo moi interesante politicamente, mais tamén creativamente", salienta.
O ilustrador vigués Pepe Carreiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O ilustrador vigués Pepe Carreiro. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu Francisco Fernandez Del Riego, o home que valía por mil?
Foi unha proposta que me fixeron desde Galaxia a través de Antón Mascato. Querían facer un cómic pequeno, finalmente ten 32 páxinas, e que estivera orientado a crianzas de entre 8 e 16 anos aproximadamente, aínda que é un libro apto para todos os públicos. Partín dun texto que me pasou Antón, que coñece ben a biografía de Paco del Riego, e a partir de aí fun escollendo as cousas máis salientábeis. Hai que pensar que unha biografía non deixa de ser unha persoa que nace, medra e morre e en tan poucas páxinas non dá moito xogo, polo que había que escoller aquelas cousas que tiveran máis acción.

Como digo, é un libro que pode ler público adulto, mais é divulgativo, non é unha tese doutoral, por iso hai que buscar aquilo que resulte atractivo para quen o le. Por isto, tamén fun incluíndo anécdotas que puideran chamar a atención. Por exemplo, sei que Paco era moi afeccionado ao fútbol desde neno e arredor da época na que el comeza a pensar en montar unha editorial tamén é cando se celebra o Campionato Mundial de Fútbol do Brasil, onde se dá aquel famoso Maracanazo, a vitoria da selección do Uruguai. Intento que as viñetas vaian acompañadas do ambiente da época, polo que nos anos 60 destaca o movemento hippie, e tamén hai algúns debuxos del paseando e fumando un puro pola praia de Nigrán ou con algunha das mozas que tivo de adolescente. Son cousas que axudan a que o libro resulte máis divertido, sobre todo para a xente nova.

—Ademais, os acontecementos tamén axudan a situarse no que acontecía na época, non?
Iso é fundamental. Por exemplo, a morte de Franco para moita da xente de agora é algo que xa case queda na Idade de Pedra. O que eu fago é ir acompañando a biografía con sucesos, como o de Valentina Tereshkova, a primeira muller que foi ao espazo. Cando Paco del Riego chega a Santiago para continuar os estudos de Dereito que comezara en Madrid empeza tamén a coñecer o ambiente galeguista con Vicente Risco, Luís Seoane e demais. Claro, isto pode ser demasiado para certos lectores. Mais é que este tamén era un ambiente moi imaxinativo e creativo, entón eu fun escollendo as creacións e os personaxes de Risco, de Carvalho Calero ou de Álvaro Cunqueiro.

Por exemplo, imaxinei Paco paseando con Risco polas rúas de Compostela e bailando con Tutankamón, do libro Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros. Castelao aparece paseando cos seus caciques caricaturizados e Cunqueiro cos peixes faladores que soltaban palabras dentro das burbullas en Si o vello Sinbad volvese ás illas. Son cousas moi atractivas que converten a Compostela da época nun mundo moi interesante politicamente, mais tamén creativamente falando. 

—Como foi o proceso de caricaturizar Fernández del Riego?
Coñecino fisicamente, aínda que non persoalmente. Víao por Vigo e inclusive cando eu era un adolescente fun con varios compañeiros á Biblioteca Penzol e el advertiunos de que non era para estudantes, senón para outro tipo de cousas. Con todo, deixounos estar aí e acabamos volvendo varias veces.

Coñecelo fisicamente axuda moito para facerlle a caricatura, aínda que tamén utilicei fotografías súas. Quixen darlle unha maior variedade, polo que tamén utilicei varios estilos de debuxo, ás veces máis caricaturizados, por exemplo cando cumpre os 70 anos case ao final do libro, e outras veces menos, por exemplo nos inicios do libro cando se fala da Belle Époque.

Tampouco é un cómic clásico de viñetas, senón que concibo cada páxina como unha unidade, como un cartel con distintas entradas, viñetas que están a pasar polo medio ou que se rompen, tamén con debuxos abertos e sen delimitar.

Comentarios