Galaxia rescata dous libros inéditos de Fernández del Riego

Chegan ás librarías 'Diario da guerra' e 'Memorias do París literario', dous manuscritos que ficaban no esquecemento entre montañas de papeis.
Capas dos dous libros que vén de editar Galaxia.
photo_camera Capas dos dous libros que vén de editar Galaxia.

Nos próximos días chegarán ás librarías do país dúas obras inéditas do prolífico Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado neste 2023 co Día das Letras Galegas. Son Diario da guerra e Memorias do París literario, dous dos libros que ao longo do ano porá no mercado a Editorial Galaxia e que, afirman, están chamados a protagonizar o ano literario "pola súa novidade".

"Son dous textos que permanecían esquecidos e que Galaxia saca á luz neste ano de don Paco", salientan. O primeiro deles, Diario da guerra, conta nesta edición cun limiar do historiador Lourenzo Fernández Prieto. O texto mecanografado deste diario "descansaba esquecido" entre os papeis de Del Riego, nos arquivos da Fundación Penzol.

Desde Galaxia subliñan que este "non é só un diario de guerra", senón que o texto nos sitúa "ante a memoria do soldado Fernández del Riego como artilleiro dunha batería antiaérea, porque se lemos entre liñas chegaremos ao que quixo dicir, ao que tivo que vivir, ao que tivo que calar, máis alá do esquecemento".

O libro ten tamén un gran valor engadido, pois vén acompañado dun revelador apéndice fotográfico no que se pode apreciar o autor "fotografado cos seus compañeiros de armas nos campos de batalla, nos trens ou nas xornadas de permiso". E tamén dunha serie de mapas onde os lectores e lectoras poderán seguir o percorrido de Paco del Riego polos escenarios do horror, "dende as chairas aragonesas a Estremadura, pasando por Córdoba".

Un último apéndice presenta as obras que leu durante o conflito para tentar esquecer, por uns intres, a miseria e a barbarie: Antonio Machado, Ramón Valle-Inclán, Leon Tolstoi, Luigi Pirandello... Diario da guerra é, en definitiva, "un texto imprescindíbel e inesquecíbel, que é a revelación da memoria dos perseguidos, dos forzados, dos que fixeron a guerra contra a súa vontade, que nin a memoria lles deixaron".

Pola súa parte, Memorias do París literario inclúe un limiar da profesora Malores Villanueva e trasládanos a maio de 1953, nunha viaxe á capital francesa de Del Riego e mais a súa esposa, Evelina, tras acadar o pasaporte que tantas veces se lles negara. Alí reencóntranse co seu amigo o pintor Manuel Colmeiro, que vivía en París desde 1949, após unha década de exilio en Bos Aires.

"Aqueles días nas ribeiras do Sena serviron para coñecer a cidade, os museos e a arte, á vez que mantivo parladoiros con persoeiros relevantes, moitos deles exiliados, ampliou pareceres e coñecementos, e gozaron da conversa en liberdade. Xa no mes de xuño decidiron continuar viaxe polos Países Baixos para rematar a súa estadía de dous meses visitando a zona dos cheateaux durante a derradeira semana da viaxe. En moitos dos escritos Del Riego deixou noticia da importancia da literatura francesa na súa vida, e, nun caixón, quedaron estas Memorias do París literario, onde volve sobre unha das súas grandes paixóns", explican desde Galaxia.

Comentarios