Ouvirmos estrea un documental sobre as falsas traducións poéticas do autor

Álvaro Cunqueiro, o grande ilusionista

Álvaro Cunqueiro traduciu poemas de case catrocentos poetas de corenta nacionalidades diferentes. Mais entre eles, existen algúns que non existiron nunca, agás na imaxinación do mindoniense. Un documental relata agora a historia desas falsas traducións e da confusión creada por Cunqueiro entre realidade e ficción. 
Detalle do cartaz de 'A grande ilusión'.
photo_camera Detalle do cartaz de 'A grande ilusión'.

Empregar a palabra fabulador é xa un tópico para referirse a Álvaro Cunqueiro, mais as pistas que se van descubrindo na súa obra aínda agora, máis de corenta anos após o seu pasamento, obrigan a reafirmarse no adxectivo. O ano pasado, Xosé Henrique Costas e Iago Castro presentaban o volume Cunqueiro XL. Editado pola Universidade de Vigo, nel dábanse a coñecer unha serie de traducións publicadas por Cunqueiro no Faro de Vigo de autores pouco coñecidos como Vittoria Merlino ou Annie Crossband. 

Costas e Castro, que estaban recompilando a poesía de Cunqueiro, atoparon entre os autores que traducira uns cincuenta nomes completamente descoñecidos que, curiosamente, gardaban moitas semellanzas estilísticas coa súa propia poética. Investigaron, consultaron especialistas de toda Europa, acudiron a bases de datos... e chegaron a unha conclusión: Vittoria Merlino, Pat Patterson e outros moitos como eles non existían, eran unha fabulación de Cunqueiro, unha invención baixo a que presentar poemas seus. "Mesmo detectamos algunhas cousas como que os primeiros versos dun dos poemas que lle atribúe a Annie Crossband coinciden coas primeiras liñas dunha novela que comezou mais que quedou inacabada", relata Costas a Nós Diario.

Ouvirmos vén de presentar un documental dedicado a esa gran ficción cunqueiriana. Precisamente baixo o nome de A grande ilusión, a fita, dirixida por Roberto Conde, quere divulgar unha faceta do autor que reflicte moi ben a súa personalidade. "En canto souben da antoloxía publicada por Costas e Castro, púxenme en contacto con eles porque axiña me decatei de que esa era unha boa historia que contar a través do audiovisual", explica Conde en conversa con Nós Diario. "Non son ningún especialista en literatura, mais souben que esta anécdota podía ser moi significativa para entender a complexa personalidade de Cunqueiro". 

O documental, no que ademais de Henrique Costas e Iago Castro participan Armando Requeixo -crítico e coordinador de actividades da Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo- e Rexina Veiga -especialista no autor-, afonda nas razóns que podería ter Cunqueiro para manter esa ficción.  

"Eu penso que el non o consideraría un engano", opina Conde, "creo que se trataba máis ben dun xogo. Creo que el era un autor moi consciente da súa valía e que sabía que nalgún momento os estudosos acabarían por descubrir esta invención. O que facemos agora é continuar ese pasatempo. Dalgunha maneira, aceptaba converterse nun dos seus propios personaxes para, igual que nos seus libros, crear unha creativa confusión a literatura coa realidade". 

Cadra perfectamente con Cunqueiro estabelecer ese xogo que ten certos paralelismos co Joyce que presumía de ter escrito o Ulysses "para ter ocupados aos críticos durante 300 anos".  De feito, Iago Castro avoga no documental por entender a súa obra "como un gran macrotexto no que hai moitos personaxes contando pequenos relatos". 

O rexurdir da literatura galega no Vigo dos 60

Non obstante, as razóns poden ir máis alá dese xogo de máscaras. Por unha parte, na época en que Cunqueiro comeza a editar estas "traducións", na década de 1960, o seu nome aínda non estaba ben visto pola intelectualidade galega, que lembraba a súa colaboración con publicacións falanxistas durante a década de 1940. Por outra, a poesía que imperaba naqueles anos era de corte socialrealista, moi afastada do seu imaxinario. 

"Estas pezas, igual que o seu labor de tradución de poetas reais -como Queneau, Ferlinghetti, Dylan Thomas ou Ezra Pound, entre outros moitos- tiña algo de xustificación da súa poética. Dalgún modo, celebraba a variedade da poesía como un valor positivo no que tiña cabida, tamén, a súa obra", explica Henrique Costas. "De feito, despois da publicación de Con pólvora e magnolias de Ferrín, o Cunqueiro poeta volve ser reivindicado por todo o mundo. E ao mesmo tempo, el experimenta con outros rexistros que non empregara até o momento: mesmo chega a escribir poemas sociais baixo outro nome". 

Os poemas/traducións dos que fala o documental están escritos na época en que Fernández del Riego "recupera" a Cunqueiro chamándoo a Vigo para participar do novo rexurdir da literatura galega que se estaba a xestar na cidade. Ambos pretendían traer ao galego as diversas correntes literarias que se desenvolvían en Europa e en América, e estas falsas traducións tamén podían facer parte dunha estratexia de importación doutras culturas ao noso país. 

"Cunqueiro é un home moi contraditorio", di Costas, "mais do que non cabe dúbida é de que era un galeguista, mesmo nas épocas máis duras que lle tocou vivir". 

Comentarios