O Plan de Memoria Democrática da Galiza avanza na Capela, en Celanova e en Lousame

Estes traballos, consistentes nas exhumacións de persoas represaliadas do franquismo, están coordinados polo catedrático de historia da USC Lourenzo Fernández Prieto, e polo profesor José Carlos Sánchez.
Lugar da fosa que será exhumada esta cuarta feira en Celanova (Foto: Comité da Memoria Histórica da comarca de Celanova).
photo_camera Lugar da fosa que será exhumada esta cuarta feira en Celanova (Foto: Comité da Memoria Histórica da comarca de Celanova).

O Plan de Memoria Democrática da Galiza para 2022 segue avanzando con novas accións que se iniciaron esta terza feira co comezo duns traballos de exhumación na localidade da Capela (comarca do Eume) e continuarán na cuarta feira co inicio da escavacións nos municipios de Celanova e Lousame (comarca de Noia).

Segundo sinalou a Universidade Santiago de Compostela (USC) nun comunicado, esta terza feira comezáronse as labores de exhumación, no cemiterio veciñal da Capela, dunha fosa cos corpos de Joaquín Antón Rodeiro, Manuel Franco Bermúdez e Francisco Guerreiro Guerreiro.

Estas son as primeira actuacións que a USC e a Xunta da Galiza executan no marco do Plan de Memoria Democrática da Galiza para o ano 2022, que nesta liña de actuación conta cun orzamento de 110.351 euros.

O obxectivo destas accións é localizar, exhumar e identificar as vítimas. Así, busca divulgar os traballos efectuados e os resultados alcanzados e conseguir o recoñecemento e sinalización dos lugares de enterramento.

Ademais, a Universidade detallou que na localidade de Celanova traballarase nunha fosa común con sete persoas fusiladas en 1939, mentres que en Lousame coñécese que a fosa de Vilacova presenta dous corpos.

Estes traballos están coordinados polo catedrático de historia da USC Lourenzo Fernández Prieto, e polo profesor José Carlos Sánchez. Tamén forman parte do grupo o antropólogo forense Fernando Serrulla e o xenetista Ángel Carracedo.

O pasado mes de agosto de 2021, a Xunta da Galiza asinou un convenio de colaboración para pór en marcha na Galiza o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática.

O grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Eural (Histagra), da USC, coa experiencia adquirida desde 2006 cando puxo en marcha o proxecto nomesevoces.net, levará a cabo “unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas da Galiza, para realizar nos próximos anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, sinala Histagra.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios