A RAG nomea académico de número o historiador Lourenzo Fernández Prieto

Na sesión tamén se declarou a vacante deixada polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández. Igualmente, deuse por finalizado o mandato de Víctor F. Freixanes e, até que as eleccións dean os seus froitos, o presidente interino será Henrique Monteagudo.
O historiador Lourenzo Fernández Prieto. (Foto: RAG)
photo_camera O historiador Lourenzo Fernández Prieto. (Foto: RAG)

O pleno da Real Academia Galega (RAG) vén de elixir a Lourenzo Fernández Prieto como novo académico de número. O historiador e profesor pasará a ocupar a vacante que deixou a poeta Luz Pozo Garza co seu pasamento en abril de 2020.

Fernández Prieto, que no seu día concorreu na carreira a reitor da Universidade de Santiago de Compostela, é catedrático de Historia Contemporánea. Mais é moi recoñecida a súa traxectoria como historiador, especialmente nas liñas que o guiaron pola historia agraria contemporánea e tamén polo estudo da Guerra Civil e da ditadura franquista.

Fontes da RAG destacaron que no campo da historia agraria, o novo académico fíxose un nome “pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista”.

Ademais, contribúe dunha forma máis ampla ao coñecemento pois coordina o Grupo de historia agraria e política no mundo rural (Histagra) e está á fronte da Cátedra Juana de Vega de Estudos Agrarios.

A institución destaca que foi en 2006 cando tamén apostou na investigación do golpe de Estado do 1936 e os acontecementos que o sucederon. No marco do proxecto interuniversitario Nomes e Voces “abriu unha serie de estudos que se converteron nunha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX”.

“A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography)”, indican, enumerando as súas credenciais para obter a vacante.

Convocatoria electoral

Na sesión, decorrida na tarde de onte, tamén se fixo oficial o anuncio da vacante causada polo falecemento do que fora presidente da entidade entre 2001 e 2009, Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Igualmente, aproveitouse para dar por finalizado o mandato da comisión presidida por Víctor F. Freixanes. Así, déronse os primeiros pasos para convocar as eleccións da nova executiva, que deberán decorrer nun tempo máximo de tres meses.

Segundo a normativa da Academia, até que haxa nova presidencia estará no cargo, de maneira interina, o secretario saínte, é dicir, Henrique Monteagudo.

Comentarios