Atlántica fai dez anos como referente da narración oral

O Festival Atlántica de narración oral anuncia o seu programa e que levará os contos de 42 artistas a 24 concellos galegos. 
Soledad Felloza, abaixo á esquerda, con membros institucionais (Foto: Nós Diario).
photo_camera Soledad Felloza, abaixo á esquerda, con membros institucionais (Foto: Nós Diario).

O Festival Atlántica anunciou onte o programa completo da súa décima edición, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 9 de xullo. A súa directora, Soledad Felloza, salientou que en toda a súa traxectoria esta iniciativa "non se acomodou e segue a apostar pola innovación e a hibridación de formatos e a fusión con outras disciplinas" mais sen esquecer un dos seus principais obxectivos "facer falar o noso territorio, o noso patrimonio material, nun diálogo co patrimonio inmaterial das historias". 

Programa numeroso e lugares patrimoniais

Máis de corenta artistas actuarán nas 94 funcións previstas nos 24 concellos repartidos nas catro provincias galegas. O Festival Atlántica, que celebra dez anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, vaise desenvolver de novo no verán, con boa parte dos espectáculos ao aire libre e en espazos de gran valor patrimonial.

Ao longo destes días xuntaranse en Atlántica artistas internacionais como Carolina Rueda (Colombia), Vitoria Siedlecki (Arxentina), Claudia Fonseca (Brasil), Sofia Maul (Portugal) ou Virginia Imaz (Euskal Herria). Da Galiza contarán voces como as de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Santi Prego, Avelino González, Lois Pérez ou María da Pontragha. 

Atlántica repite a fórmula de empregar lugares emblemáticos do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural (BIC). Entre os escenarios de Atlántica figurarán a Torre do Allo en Zas, o Castelo de Castrodouro en Alfoz ou o hórreo de Carnota. Tamén empregaran espazos naturais como praias, carballeiras ou fragas autóctonas poboadas de petróglifos.

Co afán deslocalizador que iniciou en 2017, esta edición terá lugar en 24 concellos do país, desde cidades como Compostela, Vigo ou Ourense até municipios como Dodro, Lalín, Outes, Paderne, Pazos de Borbén ou Zas.

Comentarios