O DEBATE

O DEBATE | Que representa a figura do Apalpador para a tradición cultural galega?

O historiador da cultura galega, Felipe-Senén, e a secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega, Ana Durán, analizan a significación do Apalpador.
O Apalpador.
photo_camera O Apalpador.

Ana Durán
Secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega

Neste mundo actual, superada a forma de vida labrega e predindustrial e nun ambiente de aculturación e consumismo galopantes, a figura do Apalpador perdeu a súa antiga función cultural e a súa recuperación sempre está envolta por algunha polémica na que sempre se reprocha a falta de tradición e polo tanto, unha sospeita de falta de autenticidade. 

Unha tradición documentada 

Non obstante, a tradición do Apalpador está documentada na etnografía galega, polo tanto non é ningunha ocorrencia e moito menos unha imitación á galega do Olentzero vasco ou do Papá Noel. Non debería molestar a súa presenza no Nadal galego xa que é unha figura propia do noso imaxinario popular, unha adaptación dunha figura masculina do solsticio de inverno presente nalgunhas tradicións europeas, ao igual que os propios Papá Noel ou o Olentzero: son as distintas facianas dun mesmo mito. Máis que imitación, eu diría que temos a nosa propia interpretación dunha crenza moi antiga.

Pero neste asunto, o máis rechamante para min é que se cuestione o Apalpador e non o Papá Noel na Galiza. Na miña familia, labrega de sempre, eu son a primeira 'urbanícola' e non hai tradición nin do un nin do outro, senón dos Reis Magos. Nos oitenta, eu só recibía regalos o día 6 de xaneiro. Pasados os anos, tamén “deixaba” regalos para min nas casas da veciñanza e co tempo, na nosa casa tamén Papá Noel comezou a “deixar” regalos para outros nenos e nenas, quizais por un sentido do don e contradon: regalo porque lle regalas ás miñas crianzas. Lembro, na miña inocencia de nena, que iso sempre me chocaba e non entendía por que se trabucaba tanto Papá Noel. Co neto, Papá Noel directamente deixabaregalos na casa de meus pais. Os nenos e nenas da Galiza xa teñen normalizada totalmente a figura do simpático señor finlandés, que vén de Laponia nunha zorra a traerlles regalos.

A tradición nunca está fosilizada 

Agora, con moitos anos máis, entendo que esta tradición é nova na nosa terra e que vén do modelo anglosaxón, que alá na miña infancia se empezaba a pór de moda. E iso precisamente é o irónico da tradición: esta nunca está fosilizada, senón que se transforma continuamente, recicla símbolos, e a miúdo non temos
idea de cando comeza e moitas veces non nos decatamos de cando termina. 

Por que o Papá Noel si, e o  Apalpador non?

Así, por que o Papá Noel si, e o Apalpador non? Porque non poñemos pegas a un tipo de Finlandia e si a un que é do Courel? O fondo é o mesmo e xa no frenesí consumista non nos chega só o día de Reis para comprarnos cousas. A relixión ten pouco que ver xa. En tempos de autoconsciencia, os símbolos (e tamén os mitos, por que non) son emblemas identitarios. Que ten de malo o Apalpador? Nas montañas da Galiza crían nel e non vexo nada de malo que as nosas crianzas de hoxe crean nel tamén, só que agora en vez de castañas trae móbiles, videoxogos e demais trangallada.

Quizais o que molesta é que afondemos nas nosas propias tradicións e lle deamos novo significado, en vez de folclorizalas ou fosilizalas. Medo a que nos vexamos demasiado diferentes do común, en definitiva.


Felipe-Senén
Museólogo e historiador da cultura galega

Galiza, cabo do mundo que abriu portos e portas, tramou encrucilladas e camiños. Odisea ou peregrinación pola que van transitando tradicións para recibir as pegadas doutras culturas e mesmo quedar cicatrices. E agora a sumar a revolución tecnolóxica global, a das pantallas.

A orixinalidade de Galiza arrinca de dúas raiceiras, como ben preconizou a intelectual irmandade de Nós, os que se miraban no espello de Eirín: o céltico e o cristián, algo que, pese á celtofobia, proba a arqueoloxía, os rituais e a maxia de magos e meigas, druidismo herdeiro de devocións a divindades en relación cos Catro Elementos.

E xa non digamos a forte pegada histórica da cristiandade, dende os seus primeiros tempos, de homiños e mulleres “santas”, ermitáns “orientados”, creadores de igrexarios, coleccionistas de reliquias. Os que se organizaron en cruzadas para conformar o mapa dun imperio cristián facendo do Apóstolo un matamouros... terra de conquistadores  do que escusarse na historia.

Tan cristiáns que dende o primeiro medievo acuñouse un armorial que retoma o caldeiro das cerimonias célticas para convertelo en Grial, o Cáliz, levado por Xosé de Arimatea nun novo periplo que rememora o de Breogán, a Translatio: da Terra Santa ás fisterras célticas.

O solsticio de inverno, cando asoma o misterio e a maxia 

Solsticio, Nadal, cando a forza do instinto convoca á casa, á tribo, arredor do lume, da cor, da fartura e da maxia... máis na aldeas, agora sometidas ao consumo global.
E velaí a homes e mesmo mulleres do saco, xigantóns, bandulleiros, colorados, xenerosos magos e meigas, que na madrugada saen do monte para alegrar aos nenos: Papa Noel, Santa Claus nórdicos.. que, no máis fondo son herdeiros do fardel de deidades antigas, burlonas, bondadosas... como o Bes exipcio, o Endovélico céltico, o Dionisos grego ou o Baco latino, aos que a cristiandade asimilará no tempo do solsticio invernal co San Nicolas, salvador de nenos...

E velaí a versión gardada nos Ancares e  o Courel, a do palpabarrigas, Pandigueiro, para sobreporse o nome de Apalpador, como o pescador Angukeru en Asturias, o cántabro leñador Esteru, o Olentzero en Euskadi, sabio labrego. Magos de oriente cos pés nos camiños, un universo de estrelas. A cristiandade, tan desenvolta en símbolos, transmitiu de xeito moi sedutor o nacemento e o viacrucis. En templos galláronse autos sacramentais, cancións, vilancicos (as cancións vilegas de inspiración coas de escarnio), panxoliñas (pange lingua, as propias da igrexa)...E Compostela como cerna de tal misión.

Confín onde máis se representan aos magos como peregrinos a Belén, guiados pola estrela cara a un berce dun redentor: Oriente é o berce, Compostela o sartego, velaí entre magos e peregrinos ese lazo de unión como vida-morte. Inmensa capacidade creadora a de Galiza, realismo-máxico protagonizado por seres guiados polas estelas e cargados ao lombo de ilusións... uns pobres labregos, outros acicalados reis de distintas procedencias, máis capaces de axeonllarse nun cortello ante unha nai coa esperanza no colo... Somos o que facemos, pero tamén o que desfacemos.

Comentarios