Virá o Apalpador tamén o día 31 de decembro?

Cada Nadal o Apalpador abandona as montañas galegas e baixa ás casas das crianzas para comprobar se están ben alimentadas e darlles castañas para encher as súas barrigas ou carbón para quecer a súa casa, ademais de deixarlles de paso algún agasallo. 
Unha ilustración do Apalpador, obra de Leandro lamas.
photo_camera Unha ilustración do Apalpador, obra de Leandro lamas.

Cada Nadal o Apalpador abandona as montañas galegas e baixa ás casas das crianzas para comprobar se están ben alimentadas e darlles castañas para encher as súas barrigas ou carbón para quecer a súa casa, ademais de deixarlles de paso algún agasallo. 

Segundo se pode constatar, a amioría da poboación galega tende a pensar que o Apalpador só vén o día 24 de decembro, mais non é así.

En efecto, o Apalpador chega o día 24, mais tamén o día 31 de decembro segundo a tradición.

Referencias ao Apalpador

No ano 1965 pódese atopar unha primeira referencia á existencia do Apalpador, neste caso non referíndose ao personaxe en concreto, senón a un día e unha acción. Referíndose á Noitevella, Jesús Taboada Chivite di que na Galiza "chaman tamén a esta noite, noite de apalpadoiro, porque se tocan os ventres para ver se -as crianzas- teñen comido para todo o ano, e os mozos visten roupas novas para garantir deste modo que todo o ano sexa así". 

Podemos encontrar máis referencias ao Apalpador na literatura, pois no ano 2008, Antonio Reigosa, nas súas Xeografías do medo: Lugares da Galiza Máxica onde habitan os monstros, recolle esta figura.

Tamén podemos encontrar o Apalpador se acudimos a fontes relixiosas. Así, xa en 2020, o reitor de Seminario Evanxélico Metodista, Enoel Gutiérrez Echevarría, nas súas 15 preguntas sobre o Nadal, inclúe o Apapaldor entre os seus catro exemplos de "trasgos natalicios da mitoloxía natalicia".

A importancia do tecido asociativo

Con todo, foi a asociación Gentalha do Pichel, de Santiago de Compostela, a que en 2008 asumiu o papel protagonista á hora de promover a recuperación da personaxe a través da recuperación e normalización dunha tradición que, naquel momento, se atopaba afincada unicamente nalgúns fogares das montañas do Courel.

A asociación foi o primeiro colectivo en publicar un folleto con información sobre o Apalpador, cunha ilustración deste a cargo do artista Leandro Lamas. Este foi o primeiro paso á hora de diferenciarse da tradición de Papá Noel, vencellada fondamente ao capitalismo polo emprego mercantilista da imaxe do tradicional San Nicolás por parte de marcas como a Coca Cola, que dotou ao Papá Noel do seu característico traxe vermello.

Sexa como for, só queda esperar que as crianzas coman o que deben para que o Apalpador, xa sexa o 24 ou o 31 deixe algún que outro agasallo.

Comentarios