O Apalpador. Referencias á lendaria figura do nadal galego

[ADIANTO] 'Sermos Galiza' achégase á realidade desta figura mitolóxica galega a través dalgunhas das referencias atopadas en textos de diversa índole e das opinións de expertos da cultura e da antropoloxía do pobo galego.
Ilustración do Apalpador realizada por Héitor Picallo para 'Sermos Galiza'.
Ilustración do Apalpador realizada por Héitor Picallo para 'Sermos Galiza'.

Xa no ano 1965 podemos atopar unha primeira referencia á existencia do Apalpador, neste caso non referíndose ao personaxe en concreto, senón a un día e unha acción. Referíndose á Noitevella, Jesús Taboada Chivite di que na Galiza "chaman tamén a esta noite, noite de apalpadoiro, porque se tocan os ventres para ver se -as crianzas- teñen comido para todo o ano, e os mozos visten roupas novas para garantir deste modo que todo o ano sexa así". Así o relata o etnógrafo nunha intervención baixo o título de O Nadal galego e a súa ritualidade recollida nas actas do Congreso internacional de Etnografía e Folclore de Santo Tirso.

Podemos atopar máis referencias ao Apalpador na literatura, pois no ano 2008, Antonio Reigosa, nas súas Xeografías do medo: Lugares da Galiza Máxica onde habitan os monstros, recolle esta figura no seu glosario de Monstros domésticos e da contorna doméstica, dos que aclara que "dentro das casas viven monstros pouco perigosos, aínda que hai algunhas excepcións". Desta forma, Reigosa describe o Apalpador como un "xigante, de oficio carboeiro, con vestiario esfarrapado". Deste personaxe di que "só entra nas casas na Noitevella" e que "o resto do ano vive nos montes orientais da Galiza. Esa noite -pola Noitevella- visita as crianzas cando xa están a piques de durmir, pálpalles a barriga e, se non está chea, déixalles un puñado de castañas", explica o escritor.

Tamén podemos encontrar o Apalpador se acudimos a fontes relixiosas. Así, xa en 2020, o reitor de Seminario Evanxélico Metodista, Enoel Gutiérrez Echevarría, nas súas 15 preguntas sobre o Nadal, inclúe o Apapaldor entre os seus catro exemplos de "trasgos natalicios da mitoloxía natalicia". O Apalpador é acompañado nesta selección pola Befana procedente de distintas partes de Italia, polo Olentzero de Euskadi e polo Esteru de Cantabria. Volvendo ao personaxe mitolóxico galego, o evanxelista metodista di sobre el que "en certas zonas do centro da Galiza escóitase a lenda do Apalpador, que chegaba o día de Nadal a palpar as barrigas das crianzas, deixando castañas aos máis delgados -para que engordasen- e carbón aos mellor alimentados -para que quecesen a casa".
[PODES LER A REPORTAXE ÍNTEGRA NO NÚMERO 533 DO SERMOS GALIZA, Á VENDA ESTA SEGUNDA FEIRA, 26 DE DECEMBRO]

Comentarios