A promoción cultural no rural, un reto de futuro para o sector escénico galego

A xornada abordou estratexias de cooperación no sector cultural.
As deputadas e deputado de Cultura xunto a Eva Alonso, no centro (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera As deputadas e deputado de Cultura xunto a Eva Alonso, no centro (Foto: Deputación da Coruña).

Baixo o lema "XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixos vertebradores do sector escénico galego" tivo lugar onte en Carballo ( comarca de Bergantiños)a última xornada do programa 'A Cultura é un Dereito'.

O foro estivo organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, en colaboración coa Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega).

A primeira das mesas redondas da xornada contou coa participación dos deputados de Cultura das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra: Xurxo Couto, Maite Ferreiro, Patricia Torres e Victoria Alonso, respectivamente. A mesa, moderada por Eva Alonso de Escena Galega, versou sobre as políticas culturais dirixidas a promover a programación teatral en contextos non urbanos. 

Durante a súa intervención, Xurxo Couto propuxo a creación dun "organismo coordinador dos axentes institucionais, que repercuta no fortalecemento das programacións". Couto explicou que este organismo "simplificaría o mapa de axudas e subvencións" culturais da Galiza e facilitaría o desenvolvemento de "estratexias comúns de creación de públicos".

Pola súa parte, Maite Ferreiro valorizou "a colaboración das asociacións e colectivos culturais á hora de espallar por todo o territorio as diferentes programacións organizadas pola área de Cultura".

A vicepresidenta da Deputación de Lugo incidiu na necesidade de "asentar hábitos culturais desde a infancia" e puxo énfase na importancia de "preservar a xestión cultural no ámbito público" e de "crear programacións participativas, abertas e diversas". 

Patricia Torres salientou a necesidade de normalizar os "hábitos culturais" no rural con programacións específicas para as localidades menos poboadas. 
Finalmente, Victoria Alonso puxo o foco na importancia de programar as actividades culturais adaptándoas ás infraestruturas de cada localidade.

Colaboración no sector cultural

O programa da xornada abordou outros temas como as posíbeis estratexias de colaboración entre o sector creativo e o empresarial-produtivo ou entre concellos pequenos que poidan reforzar as súas accións culturais de cara á veciñanza. Tamén puxo o foco sobre as asociacións profesionais debatendo con asociacións culturais de Madrid, Catalunya e Asturias, ou de maneira combinada con outros sectores como o do libro, o audiovisual ou a música. 

Comentarios