O pop máis atrevido de Peña emerxe no seu primeiro álbum de estudio

Dun deixarse fluír entre estilos e sonoridades nace 'Carreiro', o primeiro traballo de estudio de Peña. Un álbum diferente que se mergulla até os sons máis primitivos e orgánicos para ofrecer ao público uns arranxos case imposíbeis. Unha aposta das máis atrevidas que ten o amor como eixe vertebrador.
Peña
photo_camera Peña está composto por Elena Vázquez, Toño Magariños e Rubén Abad. (Foto: Peña).

“Unha reencarnación, un renacemento [...], na paz, un xeito de espertar, o brillo dun momento, [...] un regato a relatar, aquí”. Ao igual que no tema "Renacemento", Peña regresan ás táboas co seu primeiro traballo de estudio, Carreiro. Un debut que se define como unha revelación, non só termos de transcender o folkie, senón en relación á música contemporánea galega. 

Ofrecer unha música que se caracteriza pola aparente sinxeleza e a emotividade. Eis a personalidade que define o grupo Peña, un trío conformado por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate). 

As súas primeiras cancións déronas a coñecer en Fórmula (2020). Editado nunha tirada exclusiva en casete, este EP chegou composto por tres cancións -e outros tantos videoclips creados pola banda e as produtoras Rubén Domínguez (Prenom) e Montse Piñeiro. Agora, este mesmo ano a banda presentou o seu primeiro disco de longa duración, Carreiro, editado en vinilo e dixital polo selo Repetidor, ademais das tiradas en CD e casete.

Desde o pop

A raíz da experimentación coas tradicións do pop, o folk e a música electrónica, en Peña propoñen un proxecto diferente, un interesante abano de cancións que dá pistas da capacidade creativa do grupo. "Carreiro é o primeiro traballo discográfico que temos e, como adoita pasar na maioría dos primeiros lanzamentos, este disco presenta un compendio do que fixemos nos últimos cinco anos", conta para Nós Diario Toño Magariños.

Segundo Magariños, non se trata dun traballo conceptual, pois "non tiñamos unha idea predefinida". "Somos un grupo de pop e non facemos discos de concepto" e, nese sentido, é unha colección. Porén, cando se reúnen os temas vese un resumo "desa evolución que fomos experimentando como grupo desde o inicio até a actualidade". E por iso lle chamaron Carreiro.

A nivel de temática, como punto de encontro sitúan o amor. "Todo o que facemos está pasado por aí", conta. "Non é un disco de conflito, non é un disco agresivo", senón que xira ao redor dese concepto de amor. "As nosas cancións tamén son un tanto misteriosas", valora, "primeiro creámolas, despois teñen vida propia e logo hai que observalas desde fóra". 

Colaboracións

En Carreiro circulan os tres compoñentes ao carón de diferentes colaboradores e colaboradoras como Pedro Fariñas (Caldo), Xavi Bértolo e David Santos (Cró!), Laura Iturralde, Montse Piñeiro, David Arroyos, Xavi Muñoz ou Iván Olmedo (Gancho Sanches). O disco naceu no confinamento, "nunha época confusa", un momento que aproveitaron para conectar "cos moitos colegas e amigas que nos podían axudar co disco", explica. 

Así, nese tempo deixáronse levar e realizaron unha produción "non necesariamente realista para un directo", un detalle que lles permitiu arriscar á hora de compor e fluír entre estilos e sonoridades diferentes. Deste modo, en Carreiro hai unha base primitiva, de folk, "non necesariamente galego", moi orgánica, sinxela, subliña. Unha base que se enriquece coa "formación clásica e contemporánea dos meus compañeiros" para conseguir ese carácter peculiar, de arranxos complexos e estilo sinxelo.

Peña no Soa Bonaval

A próxima actuación de Peña será no festival Soa Bonaval, organizado polo Museo do Pobo Galego, que se desenvolve desde hoxe e até este domingo, 24 de outubro. Un encontro que pretende "desmitificar os xéneros e as etiquetas, e contar con artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local, a cultura e a lingua propias, compondo músicas plenamente actuais", indican desde o Museo.

Para Toño Magariños, esta é unha oportunidade "moi interesante porque non se separa o tradicional do moderno e hai unha especie de brazos abertos ás novas sonoridades". "Estamos encantados de ir alí, o Museo do Pobo Galego é unha institución que respecto moito e para nós é un afago". Neste encontro, tal e como adiantan para Nós, presentarán cancións novas, arranxos especiais... "Será unha proposta diferente".

Comentarios