A igrexa de Bonaval: escenario de excepción para as músicas ancestrais de Exvba

O Museo do Pobo Galego promove o festival Soa Bonaval que decorrerá nos días 22, 23 e 24 en Compostela. A iniciativa, que foi presentada esta terza feira, aposta nos “sons de raíz, o local e a cultura propias”. Nesta primeira edición contará con invitados como o produtor Raül Refree, que contará máis do seu proxecto que inclúe música tradicional galega.
Anxo Lorenzo, Concha Losada, Manuel Vilar e Elisardo Temperán durante o acto. (Foto: Museo do Pobo Galego)
photo_camera Anxo Lorenzo, Concha Losada, Manuel Vilar e Elisardo Temperán durante o acto. (Foto: Museo do Pobo Galego)

O Museo do Pobo Galego aposta na música e promove un novo festival que decorrerá en Compostela os días 22, 23 e 24 de outubro. Soa Bonaval, que así se chama este proxecto baseado en dar presenza aos “sons de raíz, o local e a cultura propias”, será o escenario perfecto para a estrea pública de Exvba, unha iniciativa de Elba Fernández (Jane Joyd, Mordem) e o compositor musical Xavi Font (coñecido como produtor dos filmes Ons ou O que arde).

A cita permitirá aos dous artistas amosar ao mundo o froito da súa conexión: un recital pensado só para os directos e para espazos como a igrexa de San Domingos de Bonaval. Alí levarán esta sexta feira, ás 20 horas, un compendio de “músicas ancestrais”, “polifonía do Renacemento” e as tendencias que corresponden ás propostas contemporáneas. 

As músicas locais serán o eixo que vertebre o certame, mais non só se fala de locais a nivel Galiza senón que haberá invitadas como a cantautora asturiana Lorena Álvarez, cuxa "Colección de cancións sinxelas" terá espazo o sábado 23 ás 13 horas no templo de Bonaval.

A banda galega Peña, da que son parte Toño Magariños (Diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate), collerá o relevo ás 20 horas e deixará que reboten nos muros da contorna as melodías pop e folk.

Aliás, Libredón, o proxecto musical do compostelán Denís Estévez, "que desfragmenta e recompón pezas clásicas cunha linguaxe analóxico-dixital", estará o domingo ás 18 horas na mesma igrexa.  

Pero Soa Bonaval non só é música en escena, senón tamén música a través das conversas con creadores. A organización trae a Compostela o produtor catalán Raül Refree, que experimenta nestes momentos coa música tradicional da Galiza xunto a Luneda Producións. 

A conversa co experto -que vai descubrir segredos do seu paso polo país este verán- completarase coa actuación de Tralo-Valo, o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, que interpretará un repertorio baseado no arquivo do antropólogo danés Gustav Henningsen na Galiza nos anos 60. A convocatoria é o domingo ás 12 horas na ala sur do museo

O que depara esta fin de semana é un encontro con “músicas con arraigo no vernáculo e no clásico pero plenamente actuais”. Segundo o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, "un museo ten que ser un centro de activación cultural" e por aí chegou esta primeira edición de Soa Bonaval. 

Comentarios