A poesía hebrea e galega danse a man en Poetas Di(n) versos

O segundo encontro da quinta edición de Poetas Di(n) versos irmana no Centro Ágora á poesía galega e hebrea da man de Román Raña e Tal Nitzán. O nova sesión do ciclo coordinado pola poeta e dinamizadora cultura Yolanda Castaño desenvolverase este luns ás 20.30. 

Tal
photo_camera Tal

Como en todas as sesións, a poesía galega atópase cunha voz doutra lingua no ciclo coordinado por Yolanda Castaño, con lecturas de poemas por parte de quen o escribiu e un encontro directo co público. Desta volta,  será a xudía Tal Nitzán e o vigués Román Raña quen protagonice a sesión de Poetas Di(n) Versos. 

Con oito libros de poemas publicados, o recital de Román Raña supón un encontro co público dun escritor que non participa en exceso dos ambientes literarios malia ser un dos nomes máis destacados do que se deu en chamar “Xeración dos 80”, premiado co Esquío, o González Garcés, o Martín Códax ou o Caixanova. Canda el, na Coruña intervirá Tal Nitzan, poeta, editora e tradutora da poesía española para o hebreo, lingua á que achegou libros de máis de oitenta autores, entre eles, Lorca, Machado, Neruda, García Márquez, Roberto Bolaño ou Cortázar. Tamén é unha voz que se sinte con forza contra a ocupación do seu país á franxa de Gaza e os territorios palestinos. A súa obra está traducida a máis de vinte linguas e, na Coruña, comprobará como se sinte tamén en galego.

Comentarios