A cultura gravada en rocha na Galiza

Os petróglifos teñen por volta de 6 mil anos e correspóndense con manifestacións artísticas da Idade de Bronce. Galiza conta cunha das maiores concentracións de Europa en Campo Lameiro. 

Mogor
photo_camera Petróglifos de Mogor en Marín

No noso país hai máis dun cento de petróglifos espallados por todo o territorio embora atopárense con maior densidade nas Rías Baixas. A descuberta dun novo e inusual gravado na contorna do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, que constitúe a maior concentración de petróglifos de Europa con 80 exemplares, pon o foco nestas manifestacións culturais propias da Idade de Bronce tan abundantes no noso país. 

Estes gravados suscitan un enorme interese non só polo seu valor artístico senón tamén polo seu enigmático significado. Segundo recolle o profesor Anselmo López Carreira en Historia de Galicia, "parte dos petróglifos" foron interpretados por Xesús Ferro Couselo "como simples fitos indicativos de límites territoriais", o que comunmente se coñecen como marcos, "coa mesma función que en época neolítica terían as pedrafitas". 

O seu significado supón un enigma, algunhas voces defenden que en parte son demarcacións territoriais e doutra simboloxía relixiosa mais nada fica claro

Tendo en conta que na altura non existía a propiedade privada "estes marcos sinalarían as extremas das terras pertencentes ao conxunto dunha colectividade agraria". Así as cousas, continúan Carreira e Ferro, "a maior parte dos petróglifos teñen unha factura complexa e claramente simbólica, que nos oculta o significado". 

Armas, seres humanos, animais mais tamén embarcacións, carros e mesmo labirintos e espirais que poderían representar símbolos relixiosos "aínda que tampouco hai probas firmes disto", subliñan. 

En 2011 Buenaventura Aparicio e Antonio de la Peña editaron un documento divulgativo para dar a coñecer algúns dos petróglifos máis importantes do país foi a Guía de Petróglifos de Galicia (Edicións Cumio) na que se recollían 45 destes gravados, documentados, localizados e explicados através tamén das lendas e contos que arredor deles se transmitiron oralmente. 

Da man deste título recompilamos algúns dos espazos nos que se atopan estes gravados. 

  • Campo Lameiro. O Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre constitúe a maior concentración de petróglifos de Europa, aproximadamente 80 en 22 hectáreas. Entre eles atópanse o Chan da Carballeira, Laxe de Outeiro dos Cogoludos, Laxe dos Carballos, Pedra da Boullosa, Laxe da Rotea de Mendo ou o Chan da Lagoa. 
     
  • Pontecaldelas. O Centro Arqueolóxico de Tourón é un dos espazos de interpretación de petróglifos. Conta con 150 mil metros cadrados e diversos gravados ao ar libre como O Naval de Martiño, o Couto das Sombiñas, a Laxe das Cruces e o Couto da Siribela. 
     
  • Carnota. Neste concello da Costa da Morte foron descubertos numerosos gravados en pedra que serían recompilados por José Cernadas Sande en Gravados Rupestres nos montes de Carnota (tresCtres Editores). En total 30 rochas como A Laxe Escrita e Os Castros; o Outeiro de Rego Lamoso; Outeiro d Corvo e O Prouxo ou As Laxiñas. 
     
  • Compostela. O Centro Social A Gentalha do Pichel editou após anos de localización e sinalización de distintos petróglifos, un tríptico no que se recollen algúns dos principais gravados da contorna compostelá como o do Pedroso, o de Correxíns, A Pedra que fala, o Castriño de Conxo ou detrás da Igrexa. 
     
  • Marín. Os petróglifos de Mogor son algúns dos máis coñecidos. De facto, trátase dun dos conxuntos de arte rupestre máis analizados de todo o país, situado na parroquia do mesmo nome, polos seus inusuais labirintos dos que se teñen documentado só cinco exemplares, todos na provincia de Pontevedra. Os petróglifos de Mogor divídense en tres conxuntos: A Pedra do Labirinto, A Pedra dos Campiños e A Laxe dos Mouros. 

Comentarios