Caderno de Verán

Os pendellos como patrimonio popular

As casetas de feira, tamén coñecidas como pendellos, son patrimonio da nosa arquitectura popular. En moitos concellos do interior da Galiza aínda se conservan e se manteñen en uso, como é o caso dos municipios de Castroverde, Chantada ou o campo da feira de Parga, en Guitiriz.
pendello-feira
photo_camera En Castroverde aínda se conservan os pendellos.

A feira era para Ramón  Otero Pedrayo "mercado e clube onde o labrego sabía gastar como señor o tempo e só ao final remataba o trato". O historiador ourensán non só falaba da feira como actividade comercial e de vertebración social que é, senón que tamén recollía a disposición do campo da feira como "momentáneos acampamentos tribais". E precisamente eses "acampamentos", non sempre momentáneos, son o que coñecemos como casetas de feira ou pendellos que poboan o interior da Galiza, conservados con maior ou menor fortuna.

Manuel Caamaño recolle no seu libro As construcións da arquitectura popular dúas modalidades de pendellos ou casetas, as móbiles e as fixas, e define estas últimas como "edificacións a xeito de alpendre, construcións rústicas de planta rectangular cun longo que podía ir dos 8 aos 20 metros e un largo de entre 2 e 4. Estas edificacións fixas estaban, ademais, rematadas en cuberta lousada ou tellada, a unha ou dúas vertentes, sobre estrutura de madeira, na maior parte dos casos de castiñeiro ou carballo".

Feita así a definición do pendello cómpre engadir que dispoñen tamén de dous bancos, un na fronte e outro no fondo, que se empregan para expor e almacenar a mercadoría e, como todo o resto do pendello, están fabricados basicamente con dous tipos de minerais: o granito e o xisto. Este último, moi abondoso sobre todo na zona máis oriental da Galiza, xustifica o publicado por Pedro de Llano na súa obra Arquitectura popular en Galicia. Razón e construción, onde explica que "existe unha profunda relación entre a arquitectura popular e o medio que a rodea". 

Para o arquitecto "o espazo xeográfico non só está definido polos accidentes e os elementos naturais que o caracterizan senón tamén polas distintas obras nel realizadas" e nesa dirección, o espazo xeográfico lugués débelle moito da súa paisaxe ao campo da feira.

As feiras tradicionais da provincia excederon sempre a súa función económica, pois foron e son importantísimas para a vida social, para a reunión e a diversión das xentes do medio rural, que en moitos casos só rompían o seu illamento nas festas parroquiais, nas romarías e nas feiras. Ás feiras non só concorrían compradores e vendedores, senón tamén artistas, músicos, ladróns, curiosos, paseantes e xentes de todo tipo.  

Hoxe en día estas feiras mantéñense, aínda que non en todos os casos os pendellos tradicionais seguen en pé. Desafortunadamente nalgunha destas casetas non se fixo un labor de recuperación ou protección e nelas caeron os teitos ou medrou a matogueira, feitos consecuencia de que quedasen en desuso. É o caso dos pendellos de Grolos en Guntín, onde se mantén a súa feira os días 23 de cada mes, e que contrasta coa situación do campo da feira de Chantada, onde si se levou a cabo unha restauración das casetas.

Na situación deste último campo da feira, o de Chantada, están tamén os campos de Parga, en Guitiriz, ou de Nadela, en Lugo, tal e como apunta Manuel Muñiz, presidente da Asociación de amigos do patrimonio de Castroverde e membro de Terras de Lugo.

O campo da feira e o mundo labrego galego
As zonas arboradas e preferibelmente as carballeiras foron o lugar no que se instalaron os campos das feiras. Isto foi porque os mercados, na maior parte dos casos, desenvolvéronse arredor das transaccións de gando, sobre todo vacún e porcino, aínda que tamén se vendía gando ovino, caprino, cabalar ou avícola. Pero a poboación luguesa non só é e foi gandeira, nos campos da feira tamén se comerciou, e comérciase, con apeiros de labranza, produtos alimenticios, teas, roupas e calzado, olaría... 

Terras de Lugo e o seu proxecto 'Ruta das Feiras'
A asociación Terras de Lugo, que engloba os concellos da comarca, elaborou na primeira década deste século o proxecto 'Ruta das Feiras', un ambicioso plan que tiña como finalidade a creación dun roteiro que unise todos os campos das feiras. Esta ruta de máis de 150 km e unha vintena de puntos de interese ligaba así os concellos de Castroverde, O Corgo, Guntín, Friol, a zona rural de Lugo, Outeiro de Rei e Rábade, lugares todos eles con campos de feira dotados de edificacións fixas ou pendellos. Tratábase pois, como no seu momento se asegurou desde a asociación, "de pór en valor as feiras tradicionais e as súas edificacións", patrimonio da arquitectura popular. Chegouse mesmo á colocación de paneis informativos en lugares coma Adai (no Corgo), Nadela (en Lugo) ou no campo da feira de Castroverde, mais aí interrompeuse o proxecto debido, comentan desde Terras de Lugo "á falla de apoios institucionais".


Aínda así, conta Manuel Muñiz, "chegouse a facer unha camiñada que comezamos en Guntín para cruzarmos polo Cotoroxo e Costa da Ribada, camiño de San Román da Retorta, onde houbo feira". Muñiz apunta que "xa no concello de Friol fomos ao campo de Guimarei, onde se conservan pendellos e construcións ao seu redor, estivemos en Cotá e desde Cotá seguimos até Santiago de Gaioso, xa de Outeiro de Rei". O presidente da Asociación de amigos do patrimonio de Castroverde lembra que na área de descanso de Penas de Rodas e "baixamos ao campo da feira de Rábade, outra das feiras que continúa viva". Puntualiza tamén que en Nadela se mantén, no campo da feira, un encontro anual, ao igual que o lugar de Adai (O Corgo) e a súa cita, tamén anual, co gando cabalar.

As feiras do pasado
A poboación dispersa, característica propia non só da comarca senón de todo o país, deu na necesidade da xuntanza periódica para a realización de transaccións comerciais entre labregos dunhas e doutras aldeas. Así naceron os campos das feiras, que aproveitaron espazos ao aire libre situados no centro das vilas ou en zonas próximas a unha localidade importante.  Coa intención de amosar o gando criado, escolléronse espazos arborados como as carballeiras e para resgardar a mercadoría da intemperie e as inclemencias climáticas  foi polo que se construíron as casetas que singularizan os campos das feiras de concellos como Castroverde ou Friol.

Restaurar o mercado
O concello de Chantada é, a canda Castroverde, Friol, Guitiriz ou O Páramo, un dos territorios que conserva, restaurado e en uso os seus pendellos. 

Chantada levou a cabo as reformas dos pendellos na primeira década dos 2000, unha rehabilitación que permitiu dispor de espazo nas casetas para un total de 165 personas. O Páramo, pola súa parte, realiza a día de hoxe, na carballeira do campo da feira, o seu mercado habitual, os días 10 e 25 de cada mes. E en Castroverde mantéñense pendellos e feira e, por suposto, a tradición de comer o polbo. 

Os oficios

O mercado é lugar de compravenda de gando, produtos do agro, obxectos manufacturados etc. Pero tamén é un espazo de demostración do traballo artesán, como pode ser a fabricación de cadeiras. Así mesmo, a realización mensual das feiras, tradicional en todo o interior do territorio galego, serviu historicamente de punto de encontro para o mantemento de relacións laborais e sociais nun hábitat, como é  do rural, caracterizado pola dispersión poboacional.

 

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

deputacion lugo

Comentarios