Contracultura

Paula Ferraz: "A música que fixen hai cinco anos no disco 'Changes' segue aínda hoxe a representarme"

Paula Ferraz, cantautora natural de Marbella, tocará en directo por primeira vez en Santiago o 4 de marzo nun concerto a guitarra e a piano no café Arume. Ferraz aborda a súa chegada á cidade e a súa relación coa lingua galega xa que, como ela di, “aprendela é unha cuestión de respecto pola cultura”.
A cantautora Paula Ferraz é natural de Marbella, Andalucía, mais leva dous anos vivindo na Galiza (Foto: Juan Manuel Peña).
photo_camera A cantautora Paula Ferraz é natural de Marbella, Andalucía, mais leva dous anos vivindo na Galiza (Foto: Juan Manuel Peña).

Como comezou a compor e a tocar en directo?

Empecei nun bar de Marbella (Andalucía) tocando versións coa miña guitarra e xa antes de marchar compuxera algunha canción. Cando fun a Madrid estudar a carreira comecei a ir a sesións de micro aberto e aí foi cando fun compoñendo máis en serio, polo que tamén saquei un disco, Changes, con catro cancións en español e catro en inglés sobre as cousas que me pasaron estando alí. Claro, o disco xa saíu en 2018, que no mundo da música é como o Plistoceno, mais son unha destas persoas raras ás que a música que fixo hai cinco anos segue a representala. 

Sigo contenta con ese disco e tamén sigo ofrecendo esas cancións nos directos, porque ao final neses momentos tamén podes cambiar cousas e facelas con outro ton.

E como chegou a Santiago?

En setembro de 2021 mudeime á Galiza para estudar un mestrado en Pontevedra, mais case que por casualidade acabei mudándome a Santiago. Aquí comecei a ensaiar nos locais do Centro Xove de Creación Cultural e a raíz diso deime de conta de que botaba moito de menos a música e sobre todo esas ganas de tocar en directo. 

Levaba sen tocar en directo desde marzo de 2021, porque a min a pandemia afectoume moito. Ao final o proxecto só o levo eu, non tiña un público tan amplo como para poder facer concertos e decidín darme un tempo para parar, permitirme descansar e pensar ben como quería facer as cousas. Agora creo que é o momento de volver. 

Como xurdiu a posibilidade de facer este primeiro concerto en Arume?

Algunhas persoas coas que toco no centro leváronme ao Arume e descubrín que todas as sextas feiras  facían micro aberto, polo que xa a primeira noite acabei tocando alí e preguntándolle ao dono que tiña que facer se quería dar un concerto aí. Paréceme un sitio moi especial, porque é moi acolledor e foi bonito atopalo nun lugar onde eu non coñecía nada. 

Ademais, permite facer billeteira inversa, é dicir, que cada persoa pague o que considere cando remate o concerto. En primeiro lugar, quizais a razón máis romántica, é por unha cuestión de accesibilidade, é dicir, que as persoas que non teñen capacidade económica non queden sen espectáculos. 

Para min é moi importante, aínda que tamén entendo que non sempre se pode facer deste modo porque tes uns gastos derivados, como pagar un equipo técnico. Creo que é máis doado en concertos pequenos e máis underground. Por outra parte, está a cuestión máis comercial ou lóxica: 90% das persoas que virán ao concerto nunca me viron tocar en directo e non quería que o tema do prezo fose unha barreira para que se decidisen a vir. É moi doado non confiar en alguén a quen nunca viches. 

Naceu en Marbella, en Andalucía, e canta en galego

Para min é importante aprendelo, de feito, estou sacando o Celga4 e sempre intento falalo con persoas galegofalantes. Nestes momentos xa rematei o mestrado e estou teletraballando, polo que non hai motivos de peso para quedar aquí. 

Con todo, gustoume Santiago e a medio prazo gustaríame seguir vivindo aquí. Se ben eu son medio portuguesa e xa tiña certa facilidade para entender as persoas que me falaban en galego, paréceme importante poder responder na mesma lingua e penso que aprendela é unha cuestión de respecto pola cultura e que forma parte de coñecer o lugar onde vives. 

Este ano tamén comecei a tomarme un pouco menos en serio como me presento nas redes sociais e subir cancións que compoña e que me apetece compartir, por moi sinxelas que sexan. Por isto, compuxen unha pequena canción en galego para promover o concerto e, aínda que o meu dominio da lingua non sexa o mellor, faime moita ilusión. No concerto tamén haberá algunha versión en galego e así como quero comezar a compor en portugués, non descarto facelo en galego. 

Comentarios