Os pasatempos de 'Nós Diario' premian unha lectora cunha escapada de turismo rural

O sorteo tivo un grande éxito xa que se recibiron un total de 759 respostas correctas, e a gañadora, a través do sorteo decorrido esta terza feira na redacción de 'Nós Diario', foi Digna Faraldo.
Digna Faraldo Purriños foi a gañadora do sorteo realizado esta terza feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Digna Faraldo Purriños foi a gañadora do sorteo realizado esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

As páxinas de pasatempos do caderno Máis de Nós Diario incluíron a proba 'Xente de aquí e acolá', da autoría de Xoán Costa, unha sopa de letras na que as letras que non compoñen ningunha palabra se unen para formar un xentilicio do país e que permitiu as lectoras enviar as respostas correctas para participar no sorteo dunha fin de semana na casa de turismo rural Lourán, en Monfero.

O sorteo tivo un grande éxito xa que se recibiron un total de 759 respostas correctas, e a gañadora, a través do sorteo decorrido esta terza feira na redacción de Nós Diario, foi Digna Faraldo Purriños. A gañadora, en declaracións a este xornal asegurou estar "moi ilusionada". Tamén sinalou "a utilidade dos pasatempos á hora de aprender e mellorar a axilidade mental".

O título da proba é unha referencia á obra de Álvaro Cunqueiro homónima. Mais a solución á proba tamén é unha referencia ao autor xa que se trataba do xentilicio Mindoniense (natural de Mondoñedo), lugar do que procedía Cunqueiro.

Éxito de participación

Xoán Costa e Xerardo R. Roca elaboran para Nós Diario os pasatempos en lingua galega que fan deste xornal unha referencia nese eido. En concreto, para esta proba este xornal recibiu 759 respostas correctas o que supón un verdadeiro éxito de participación.

E da autoría de Costa e Roca é a revista A formiga no carreiro, un volume de 32 páxinas de pasatempos para exercitar a mente que as persoas subscritoras de Nós Diario xa recibiron nos seus fogares e que aínda está dispoñíbel nos quiosques a un prezo de 1,40 euros.

"Non se trata de ofrecer unha compilación de diferentes modelos de pasatempos senón que, en torno a unha personaxe como é neste caso a formiga, imos contando unha historia que serve para aprender sobre a Galiza", explica Costa.

Comentarios