Xoán Costa: "A formiga no carreiro serve para descubrir a Galiza"

As persoas subscritoras de 'Nós Diario' recibiron o Día da Patria Galega unha revista ben especial: 'A formiga no carreiro', unha publicación de pasatempos en galego que se pode comprar durante todo o mes de agosto nos quioscos. Xoán Costa, coautor e presidente de Sermos Galiza S.A. explica os contidos
O coautor de 'A formiga no carreiro' Xoán Costa (Foto: Xoán Costa).
photo_camera O coautor de 'A formiga no carreiro' Xoán Costa (Foto: Xoán Costa).

—A formiga no carreiro é unha revista que foi elaborada tanto por vostede como por Xerardo Rodríguez Roca, responsábeis da sección de pasatempos de Nós Diario. Que van encontrar as persoas que decidan comprar a revista?

A idea desta revista, á que queremos darlle unha permanencia no tempo, é cubrir un espazo que non está cuberto nos quioscos actualmente. Trátase de ofertar unha publicación que recolla diferentes tipos de pasatempos tanto de carácter léxico como numérico ou lóxico e que se organice e se centre no que son as actuais revistas de pasatempos, que serven para poder seguir unha historia completa ao longo das súas páxinas.

Non é un simple recompilatorio de diferentes modelos de pasatempos senón que a idea é, ao redor dunha personaxe, neste caso a formiga, ir descubrindo e aprendendo cuestións sobre historia, lingua, xeografía ou sobre a literatura da Galiza a través dunha historia que se vai contando cos diversos pasatempos. 

—O propio nome da revista ten unha simboloxía importante xa que se trata dunha canción de José 'Zeca' Afonso, non si?

Si, é efectivamente o título dun tema do Zeca Afonso. Digamos que o formato desta revista está centrado nunha serie de traballos monográficos que fixen para o Concello de Carballo que se titulaban A Píllara das dunas, publicación que xa vai polo cuarto número. Deses catro números dous foron monográficos e os outros eran máis xenéricos e servían para coñecer Carballo.

A raíz diso foi cando comezamos con esta revista para Nós Diario partindo dos diferentes modelos de pasatempos que se van presentando día a día no xornal, elaborados tanto por Xerardo como por min. Os de A formiga no carreiro non son recollidos dos xa publicados, senón que todos eles son novos. 

En definitiva, a intención é coñecer diferentes realidades do que acontece no país, neste caso guiados por unha formiga, que é a formiga do Zeca Afonso. Ao longo das 32 páxinas da revista non se repite ningún pasatempo e a idea é que cadaquén o faga comezando por onde lle dea a gana e rematando por onde quixer porque a historia é completamente aberta, non é preciso seguir unha orde.

—O formato do pasatempo pode desempeñar un papel importante no relativo á normalización dunha lingua como o galego?

Sen dúbida. Ese é, de facto, o obxectivo. Non hai nada nos quioscos que contribúa nese sentido e a intención é afondar no proceso de normalización tendo en conta que aquí non se estabelecen niveis de dificultade nin de idade. Cadaquén pode facelos como queira, pódense comezar un día e acabalos outros, ou poden participar varias persoas da unidade familiar, non hai ningún tipo de límite e ademais ofrécense as solucións. Así que si, efectivamente o obxectivo está nese proceso de normalización lingüística tan necesario.

A revista foi presentada precisamente en Carballo nunhas xornadas de normalización lingüística que organiza a Universidade da Coruña xunto co Concello. Alí tratamos a necesidade de usar o modelo do pasatempo para axudar a normalizar o idioma galego. 

—Ademais, o modelo do pasatempo non só axuda no tocante á normalización lingüística senón que tamén pode servir a quen o faga para a aprendizaxe.

Exacto, hai que destacar que non se deben percibir os pasatempos como algo que é para perder o tempo, senón como algo que serve para a aprendizaxe tanto de novas palabras como de formas de entender o mundo que habitamos, algo que tentamos con esta revista.

Os pasatempos de 'Nós Diario'

De terza a sábado a versión en papel deste xornal informa acerca dos intereses do país galego. E nas páxinas de Nós Diario tamén hai espazo para a aprendizaxe a través dos pasatempos que Xoán Costa e Xerardo R. Roca preparan para as lectoras e lectores. A este respecto, Costa indica que "para A formiga no carreiro revista inspirámonos nos pasatempos que saen publicados no diario e mesmo nalgúns que se ofreceron en tempos pasados, como os especiais de oito páxinas que se titulaban Entreter e que saían unha vez ao mes". Sobre futuras publicacións de A formiga no carreiro, Costa salienta que "a intención é que sexa trimestral e que coincida cada publicación con cada estación do ano para ir facendo diferentes propostas similares ás revistas que hai no mercado pero non en galego. Buscamos actualizar os pasatempos tradicionais a novas formas para entendelos dunha maneira diferente".

Comentarios