Pakolas, Museo do Pobo Galego, Orgullo Galego e Daniel Romero gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

O xurado recoñeceu o labor das catro propostas premiadas na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no resto do país.

Museo do Pobo Galego
photo_camera Museo do Pobo Galego.

Pakolas. Rock infantil e familiar en galego na categoría iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade; o Museo do Pobo Galego e Orgullo Galego, ex aequo na categoría de entidades, e o técnico de normalización lingüística Daniel Romero na categoría de persoas, son as catro propostas gañadoras dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. Trátase do certame que, cada ano, recoñece e premia o labor de promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico da Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no de todo o país. 

O xurado, presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, estivo conformado por María Canosa Blanco, gañadora na categoría persoas da anterior edición; Irimia Fernández Álvarez, gañadora na categoría iniciativas de dinamización tamén en 2022; e por María Alicia Fernández Rodríguez, representante de AELG, entidade que tamén resultara gañadora o pasado ano. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña. 

En canto á categoría de entidades, o xurado concede o premio ex aequo ao Museo do Pobo Galego e a Orgullo Galego, considerando que ambas propostas son "divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural"; no caso do Museo do Pobo Galego "cunha traxectoria xa consolidada no tempo", mentres que Orgullo Galego representa "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas". Na proposta do Museo do Pobo Galego, no eido lingüístico, salienta a conservación e custodia dunha extraordinaria Biblioteca. 

Pola súa banda Orgullo Galego é unha iniciativa destinada a  normalizar o uso da lingua galega nas redes sociais, para que a poboación teña espazos de referencia do idioma propio e que figure en pé de igualdade con outros idiomas do mundo, e fai parte das ferramentas tecnolóxicas máis actuais. 

Na categoría de proxecto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, o xurado escolleu a proposta ‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ por considerar que “utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua”. 

Comentarios