Contracultura

Pakolas: "A filosofía que seguín sempre é facer música como se fose para adultos e letras para crianzas"

Paco Cerdeira, músico infantil coñecido como Pakolas, conversa con 'Nós Diario' sobre o seu próximo libro-disco, 'A Ramona pequena' (Galaxia), onde contará aventuras da infancia da personaxe que protagonizou o seu anterior proxecto. Cerdeira aborda o seu proceso de composición e a participación das crianzas xa que, como el di, "é como os magos: facer un truco de maxia é cuestión de práctica, mais á hora de facelo realmente é case máis importante a representación teatral".
Paco Cerdeira, 'Pakolas', publicará o segundo traballo con Ramona como protagonista. (Foto: PixelinPhoto)
photo_camera Paco Cerdeira, 'Pakolas', publicará o segundo traballo con Ramona como protagonista. (Foto: PixelinPhoto)

—Como será o estilo de A Ramona pequena?
Ramona Órbita (Galaxia), o anterior, fala desta personaxe cando xa é maior. Ela é unha labrega da serra do Courel que ten unha horta cibernética e unha máquina do tempo. Este novo proxecto fala de cando Ramona era pequena, a finais dos anos 60 cando tiña aproximadamente seis anos.

Nese momento, ela tiña o sono de chegar a lúa antes de que o fixeran os estadounidenses ou os rusos. Por suposto o estilo continuará a ser rock. Aínda non hai data exacta de saída, mais será para o ano que vén. Con todo, o espectáculo estará dispoñíbel a partir de xaneiro para quen o queira contratar e tamén vou dando adiantos de dous ou tres temas, por exemplo en Ames o 28 de outubro, para intentar evitar as vertixes das estreas e ver como funcionan as cancións co público.

—Que chama a atención das crianzas?
O primeiro que van pensar é que por fin lles poñen música como a de mamá ou a de papá. En todos os traballos que fixen, exceptuando Mamá Cabra, porque ao final era música delas e non miña, a filosofía que seguín é facer música como se fose para adultos e con letras para crianzas, contando algunha historia e con algunha mensaxe que poida quedar como algo positivo ou para aprender. Por exemplo, Ramona Órbita fai moitas referencias ao ecoloxismo e á responsabilidade que temos co planeta. Neste caso, a mensaxe é simplemente que hai que botar a voar a imaxinación, que entendan que esta é a nai da inventiva.

Tamén é certo que exemplos de rock para crianzas hai moitos: Xoan Curiel, Maxín Blanco, Brais das Hortas e Peter Punk Payaso. Claro, no que respecta a este rock máis duro para crianzas en A Gramola Gominola penso que fomos os pioneiros. Á hora de chamar a atención das crianzas tamén é importante como se presentan as cancións: podes interpretar unha tras outra, mais para min tamén é importante o que hai entre elas, o xeito de presentar cada canción. É como os magos: facer un truco de maxia é cuestión de práctica, mais á hora de facelo realmente é case máis importante a representación teatral, o marco, que o propio truco en si. É dicir, dalgún xeito hai que contarlles un conto que os faga sentir partícipes.

Por exemplo, unha das cancións que xa adiantei e que funciona moi ben chámase Pícame o cu, que xa o título di moito. E cóntolles que cando Ramona ten curiosidade, en vez de rascar a cabeza, rasca o cu e vai arrincando pétalos dunha flor para decidir se investiga sobre ese tema ou non. Entón, antes da canción eu saco unha flor e vou recitando o retrouso e as crianzas van animándose, igual que moitas nais e pais. É un xeito de traballar as cancións de forma teatral para que logo teñan unha actitude participativa e funcione ben.

—O feito de facer un libro-disco, é unha forma visual de que as crianzas revivan eses concertos.
A ilustradora, neste caso Laura Romero, que ten outros proxectos de bastante sona como Músicas galegas ilustradas, ten un traballo súper importante porque non é un libro no que veñan as letras das cancións e xa, senón que hai unha historia.

—Como é o proceso de composición?
Actualmente eu traballo moito con equipo e software. A min funcióname mellor primeiro buscar unha idea de como vai ir a letra e posteriormente ir facendo a busca, soltando os dedos coa guitarra até atopar algo que me guste até ir construíndo retrousos pegañentos que funcionen. Cada quen funciona distinto, mais eu por exemplo neste disco fixen moita música que logo tiven que descartar porque as letras que facía despois non me cadraban ben e tiña que facer outros ritmos para esa letra que xa tiña.

Comentarios