Poderán ser seguidas en Twitch en directo

Orgullo Galego organiza as II Xornadas sobre o Entroido

O proxecto Orgullo Galego abriu hoxe as II Xornadas Oline sobre o Entroido da Galiza, que se estenderán até o vindeiro 1 de marzo. 
A sesión do día 8 dedicarase ao entroido de Sande, Cartelle.
photo_camera A sesión do día 8 dedicarase ao entroido de Sande, Cartelle.

O Entroido de Cobres, en Vilaboa, foi o protagonista da primeira sesión das II Xornadas Online sobre o Entroido da Galiza. O proxecto Orgullo Galego organiza este ciclo que, até o 1 de marzo, achegará á canle de Twitch da entidade diferentes análises sobre esta festa. 

Os encontros, que se poderán seguir en directo e quedarán na canle de Youtube de Orgullo Galego, comezaron hoxe cunha presentación sobre o Entroido tradicional de Cobres, Vilaboa.

Esta terza feira, o antropólogo Rafa Quintía impartirá, ás 20:30 horas, unha conferencia sobre "Ritos e oficiantes do Entroido" e, o día 8, a sesión dedicarase ao entroido de Sande, Cartelle. 

As xornadas continúan o día 13 cunha retransmisión ao vivo centrada no simbolismo do Entroido, a cargo de Antonio Reigosa. O día 15, Lidia Mariño dará unha charla sobre o significado desta celebración, e o día 16, a Asociación Felos Corga da Serra, xunto con felos das doce parroquias do concello, presentarán o Entroido de Maceda. 

Un terceiro bloque fechará o encontro: o día 23, ás 21:15 horas, presentaranse as IX Xornadas sobre o Entroido en Galiza que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega; e o 1 de marzo, á mesma hora, darase a coñecer o encontro Mascarada Ibérica. 

 

Afondar no significado da festa

Orgullo Galego naceu co obxectivo de visibilizar e poñer en valor a lingua, cultura e tradicións do país. Entre estes obxectivos está o da divulgación dos ritos asociados ao entroido, unha das festividades máis importantes da cultura galega e o último dos ritos do ciclo da invernía. 

Desde o seu nacemento, o proxecto traballa na divulgación dos entroidos e visa a contribuír a manter viva a esencia destas datas, onde as máscaras son o elemento máis importante e merecen todo o respecto por parte dos visitantes. 

Estas segundas xornadas sobre o entroido pivotan sobre os mesmos obxectivos: visibilizar os entroidos populares, coñecer os ritos que celebran e comprender que hai detrás desta festa. 

 

Comentarios