Os orixinais do Álbum Nós, cedidos ao Museo de Pontevedra

Desaparecidos desde os anos 30, as estampas orixinais do Álbum Nós non apareceron até o ano pasado, cando o equipo técnico do Museo de Pontevedra localizou os debuxos nunha colección particular e os amosou 80 anos despois na mostra 'Meu Pontevedra'. Agora os seus propietarios veñen de cedelos a esta institución durante cinco anos. 

albumnos
photo_camera Xosé Manuel Castaño, Ángeles Tilve, Xosé Leal e Carlos Valle no anuncio e presentación do catálogo esta mañá

Xusto un ano despois de se fixera público o seu achado, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, vén de anunciar que os orixinais do Álbum Nós foron cedidos ao Museo de Pontevedra por un período inicial de cinco anos. Este anuncio realizouse esta mañá, aproveitando a data simbólica do 28 de xuño -día do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936 e do traslado dos restos de Castelao ao Panteón de Galegos Ilustres-, nunha rolda de prensa na que participaron, ademais de Xosé Leal, os comisarios da mostra “Meu Pontevedra”, Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, e o director do Museo, Carlos Valle. 

Os debuxos orixinais poderán verse despois do verán, logo dunha reformulación das salas dedicadas a Castelao

Nos vindeiros meses está previsto que se reformulen as salas do segundo andar dedicadas a Castelao para incorporar estes orixinais, e que poidan visitarse despois do verán. “O equipo do Museo realizou un traballo arduo e complicado, e despois de negociar moito tempo conquerimos esta cesión por cinco anos, que esperamos sexan prorrogables e culminen nunha doazón ou nunha cesión permanente” afirmou o deputado de Cultura e Lingua. Leal cualificou de “fito a destacar”  tanto a “descuberta do álbum o ano pasado con motivo da exposición Meu Pontevedra  como  agora esta cesión”.

Hai que lembrar que desde 1924 e ata o ano pasado, non se volveran ver expostas as estampas que conforman o Álbum Nós de Castelao e desde a década de 1930 perdérase a pista do seu paradoiro. Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foran localizados nunha colección particular o mes de marzo de 2016 e foron expostos no marco da mostra 'Meu Pontevedra', celebrada entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade.

Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, asegurou que “para o Museo hoxe é un día grande” e que este material “vai completar o discurso expositivo que temos nas salas Castelao”. O director aproveitou ademais para lembrar que “todo o importante sobre Castelao está custodiado por e no Museo de Pontevedra”.

Catálogo de 'Meu Pontevedra'

Hoxe tamén foi o día escollido para presentar a publicación derivada da exposición “Meu Pontevedra”. “Trátase dun catálogo que evoluíu cara unha monografía e que achega moita documentación que antes non estaba estudada” indicou Xosé Leal. Os responsables foron os dous comisarios da mostra, Ángeles Tilve e Xosé Manuel Castaño, que fixeron un percorrido minucioso pola traxectoria artística de Castelao e a súa vinculación con Pontevedra nunha publicación con máis de 600 páxinas e que inclúe máis de 700 imaxes. 

“Quixemos amosalo como un dos grandes a nivel internacional e esperamos que as persoas que consulten este libro teñan a sensación de estar ante un xenio” afirmou Ángeles Tilve. A comisaria definiu a Castelao como “un personaxe inabarcable” e louvou a súa capacidade de traballo tanto a nivel artístico como político e intelectual. A publicación inclúe apartados dedicados a diferentes facetas artísticas, como as estampas, a ilustración, as viñetas, o deseño gráfico, ou o álbum Nós; as relacionadas coa súa participación en investigacións históricas e arqueolóxicas; a súa relación con entidades da cidade, como a Coral Polifónica, a Sociedade Arqueolóxica ou o Museo de Pontevedra;  a súa impronta no teatro; ou o seu liderado político no galeguismo.
 

Comentarios