Numax incorpora o selo Europa Cinemas e comeza a distribuír filmes a outras salas

O cinema Numax é xa a única sala de Galiza que conta co selo Europa Cinemas que concede a Unión Europea. Ademais, incorpora á súa actividade a distribución de filmes alternativos no Estado español. 

europacinemas
photo_camera Distribución de salas co selo Europa Cinemas

Desde este mes de abril, e grazas a unha liña de programación converxente cos requisitos de diversidade, calidade e difusión do cinema europeo, fai parte da rede internacional de exhibición Europa Cinemas. Trátase da primeira vez que unha sala de cinema acada en Galiza os requisitos que posibilitan a súa inclusión neste circuíto de apoio á exhibición de cinema independente europeo e de terceiros países, e é a única sala pertencente a esta rede no cadrante noroeste peninsular, entre Bilbao, Salamanca, Valladolid e Porto. 

Europa Cinemas, creada en 1992 co finanzamento do programa Media da Unión Europea, o Centre National du Cinéma (CNC) máis a colaboración entre Eurimages e Europa Cinema Mundus, abrangue 42 países, 596 cidades, 977 salas e máis de 2.000 pantallas repartidas por todo o mundo. Constitúe a meirande rede de salas dedicada á difusión e programación, principalmente, do cinema europeo. Entre outros requisitos, esíxelle ás salas de exhibición españolas superar os 30.000 espectadores anuais, e un umbral do 25% de sesións de filmes europeos de produción non española (para salas de 1 pantalla).

Entre os obxectivos que persegue Europa Cinemas figuran: aumentar e diversificar a programación en salas e a frecuentación de filmes europeos; promover as iniciativas europeas dos exhibidores dirixidas ao público mozo e desenvolver unha rede de salas de exhibición que permita accións conxuntas a nivel estatal e europeo.

En España fan parte desta rede 49 salas, repartidas do seguinte xeito por comunidades autónomas: 13 salas no País Vasco, 12 en Cataluña, 7 en Madrid, 4 en Castela León, 3 en Andalucía, 3 nas Illas Baleares, 3 en Valencia e unha sala en Aragón, Canarias, Navarra e Galicia.

Distribución

Logo de pouco máis dun ano de andaina, a sala Numax consolídase como un referente para o cinema en todo o país, non só exhibindo senón tamén con actividades paralelas. Unha delas é a distribución de cinema independente en todo o Estado español, que comezaron hai uns meses cun filme colombiano, Los hongos, e agora afrontan de novo con máis forza coa distribución do filme portugués A vingança de uma mulher, que se estrea o 20 de maio en varias salas do Estado. 
 

Comentarios