Novo roteiro en Pontevedra para coñecer a historia de Xeve

Xa foi iniciada a colocación dos elementos de sinalización, que inclúen marcadores do trazado e paneis informativos que vidulgarán información histórica, etnográfica e relixiosa da zona. 
Diversos paneis informativos darán conta dos elementos patrimoniais que teñan ao seu carón.
photo_camera Diversos paneis informativos darán conta dos elementos patrimoniais que teñan ao seu carón.

O concelleiro de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, acompañado da edil Pilar Comesaña e o representante da asociación cultural Sondexeve, Manuel Hermida, presentou esta mañá a creación e sinalización dun novo roteiro patrimonial na parroquia de Santa María de Xeve.

"Todo vén de cando comezamos a falar coa asociación Sondexeve e amosaron a súa preocupación polo patromonio histórico e cultural desta parroquia, que é inmenso", explicou Moreda. "Os tres Xeves (Verducido, Santo André e Santa María) teñen unha riqueza patrimonial incríbel. Teñen diferentes tipos de patrimonio e de diferentes épocas, indo do etnográfico ao relixioso, pasando polo histórico".

O Concello entende, en base a experiencias pasadas e actuais, que un dos mellores xeitos de conservar o patrimonio é a través da súa posta en valor, mostrándoo e ensinándoo. «Debemos lograr, ademais, que a veciñanza sexa partícipe tamén deste patrimonio e destas accións. Así, desde aquelas conversas iniciais chegamos aquí, até a creación dun roteiro no que pedimos a súa colaboración», indicou o edil. Esta colaboración partirá desde a asociación en forma de axuda no mantemento dos sinais e paneis informativos que estes días se están instalando na parroquia, xunto coa de dar aviso se algún indicador está demasiado deteriorado.

 

O novo roteiro é circular, cun trazado de 5,72 quilómetros, contando cunha dificultade baixa. Os novos elementos de sinalización estarán compostos por diversos paneis informativos que darán conta dos elementos patrimoniais que teñan ao seu carón. Tamén haberá postes que indiquen a dirección do percorrido. Parte da igrexa de Santa María, pasa pola Torre Vella, o pazo de Gondar, o cárcere de Gondar, o miradoiro da Pedreira, A Forca, a Casa da Audiencia, as pedras do Becerral, o Outeiro do Castro, o miradoiro do Outeiro Vello, o cruceiro do Regueiro, o muiño vello, a casa dos Monteagudos, a casa da Sancristana, a casa antiga do Concello e remata no punto de inicio.

Tal e como indicou Moreda, este "é o primeiro doutros roteiros que están proxectados noutras parroquias. Patrimonio hai moitísimo e de seguro que no futuro poderemos presentar a creación doutros percorridos desta clase". Pola súa banda, Manuel Hermida deu as grazas ao Concello de Pontevedra por este investimento na parroquia, xa que "é bo para todos e todas que o rural se coñeza xunto co seu patrimonio". "Desde logo, préstame moito o título xeral que levará este roteiro que é ‘unha viaxe pola historia’. Esta viaxe permitirá ver petróglifos, mámoas, castros, edificacións…".

 

Comentarios