As Torres do Allo, en Zas, abrirán ao público desde o día 7 de xaneiro

O pazo terá unha programación diversa e dinámica
O pazo das Torres do Allo, no Concello de Zas, é un dos máis antigos da Galiza. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera O pazo das Torres do Allo, no Concello de Zas, é un dos máis antigos da Galiza. (Foto: Deputación da Coruña)

As Torres do Allo, no Concello de Zas, abrirán ao público desde o 7 de xaneiro até o 30 de decembro e prestarán atención ao público durante a súa visita ademais de promover outras actividades, como un programa de comunicación, o desenvolvemento de obradoiros didácticos ou a promoción do propio inmóbel. Esta programación está enmarcada no convenio de cooperación para a xestión de atención a visitantes entre o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcalde de Zas, Manuel Muíño.

O pazo das Torres do Allo é un dos máis antigos da Galiza e a súa construción remóntase a finais do século XV. O edificio foi construído pola familia Gomes de Rioboo, vasalos dos Condes de Altamira. Rodeado de hórreos, fontes, igrexas, gárgolas, pombais, soutos e carballeiras, o pazo encóntrase nunha paisaxe etnográfica de gran riqueza. Así o confirma o Penas, quen explica a Nós Diario que a contorna das Torres do Allo é “un lugar privilexiado”. 

“Tanto desde a Deputación da Coruña como desde o Concello de Zas convidamos a que a xente vaia visitar o pazo pero tamén todo o patrimonio que hai repartido pola comarca, que non é só patrimonial, tamén é natural”. Ademais das construcións que se localizan nas proximidades das torres, hai varios percorridos e rutas naturais “perfectos para realizar en familia”.

Nesta Liña, Penas indica que as Torres do Allo contan cunha historia “inmensa” e foron pasando por distintas mans até caeren, “por sorte, nas dunha administración que as puxo en valor”. Para isto, ambas as institucións levan a cabo, a través do convenio, diversas actividades no inmóbel co obxectivo de dinamizar a zona. Ademais da exposición fixa que explica toda a historia das torres, así como todos os feitos que decorreron nestes séculos na comarca, a construción tamén conta con programacións temporais. Unha delas foi a recente mostra sobre Exin Castelos -o popular xoguete dos anos 80- e que, asegura o deputado, “funcionou moi ben”. 

Exposicións e obradoiros

A partir do 7 de xaneiro tamén se prevén obradoiros e outras exposicións que permitan achegar o patrimonio arquitectónico e natural das Torres do Allo á poboación. “A programación será moi dinámica e diversa e estará dirixida a persoas de todas as idades; calquera pode atopar unha escusa para achegarse”. Unha das actividades previstas para este ano será unha exposición fotográfica e, desde a Deputación, tamén están a preparar unha mostra de pintura, segundo adianta Penas.

“Nas Torres do Allo estase a traballar moito a nivel lúdico, principalmente con escolas da comarca”. De feito, no pasado verán organizouse un escape room -un xogo de escapismo con pistas- na propia construción que obtivo un grande éxito, sobre todo entre as crianzas.

Desde a Deputación aseguran que están traballando na actualización dos contidos que ofrecen as Torres do Allo, que xa contan con materiais en 3D e realidade virtual para poder visitar o inmóbel desde a casa. “Queremos actualizar os datos para dar a coñecer a inmensa historia das torres, así como todo o que esta abarca até chegar aos nosos días”.

 “A nosa misión final é conseguir que o patrimonio sexa de todos e todas, de maneira que a xente se poida achegar a el dunha forma divertida”, explica Penas. “Queremos que estea máis próximo á sociedade, principalmente entre os máis pequenos, pondo as torres nunha ruta na que se conecte unha gran parte do patrimonio da zona da Costa da Morte”.

Comentarios