O novo Espazo Loja do MUMI acollerá editoras musicais

Teresa Moure presentará unha novela gráfica sobre Zeca Afonso coa que debuta como guionista de banda deseñada.

A docente e escritora Teresa Moure presenta o seu ensaio.
photo_camera A docente e escritora Teresa Moure.

O MUMI (Músicas no Miño), que se desenvolverá na eurocidade Tui-Valença do 21 ao 24 de setembro, contará a partir deste ano cunha nova actividade dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa, dentro do apartado bautizado como Espazo Loja, e concibido como un Encontro de Editoras Musicais. O Espazo Loja estará funcionando o sábado 23 de setembro no Hall do Teatro Municipal de Tui, e acollerá os catálogos da portuguesa Tradisom, e das galegas aCentral Folque e Através Editora. 

 

A vida do Zeca Afonso 

Pola tarde, ás 17.30 horas presentarase neste espazo a novela gráfica Zeca Afonso. A Balada do Desterro, da ilustradora portuguesa Maria João Worm e a escritora galega Teresa Moure. 

A novela está editada conxuntamente por aCentral Folque e Tradisom, e mostra ao músico visto, décadas depois, por duas mulleres. Ambas senten fascinación por aquel home que cantaba causas políticas. Pero ambas tecen unha rede para sustentar un Zeca máis íntimo do que habitualmente os seus camaradas lembran. Porque, ás veces, os grandes nomes da Historia aparecen no momento correcto e nas circunstancias propicias para seren considerados símbolos mesmo ao seu pesar.

Antes de se tornar o cantante famoso que deu voz á Revolución dos Cravos, o Zeca tamén foi un meniño que creceu en terras africanas, un home que se impregnou nas súas viaxes das cores de moitas terras. Nun concerto na Galiza, onde foi venerado, conversa coa súa amiga Begónia Moa e comeza a desvelar segredos. As súas preocupacións mostran que está feito de carne vulnerábel que palpita e dubida, que vibra ao contacto con outras peles e logo teme telas magoado, que persegue dar un sentido á vida. Tamén á morte.  

A novela gráfica, de 192 páxinas a cor, marca o debut da escritora Teresa Moure como guionista de banda deseñada. A autora estará en Tui presentando o libro canda a Ramón Pinheiro (aCentral Folque) e José Moças (Tradisom).

Comentarios