Catorce bandas de Galiza e Portugal na feira musical MUMI

A feira avanza as primeiras confirmacións do seu programa profesional integrado por unha selección de bandas e artistas que abrazan a diversidade estilística e que comparten en moitos casos un sustrato onde as músicas de raíz son a fonte da que beber. 
A cantautora Antía Muíño recibiu o Premio Martín Códax a Mellor Artista Emerxente (Foto: Andrea Sánchez).
photo_camera A cantautora Antía Muíño recibiu o Premio Martín Códax a Mellor Artista Emerxente (Foto: Andrea Sánchez).

A convocatoria realizada polo MUMI, a feira Músicas do Miño, que terá lugar entre os vindeiros días 21 e o 24 de setembro na Eurocidade Tui-Valença, pechouse cun grande éxito despois de que se candidatasen un total de 244 propostas artísticas para os showcases. Esta cuarta feira, o MUMI anunciaba as bandas e artistas que van configurar o programa profesional da feira. 

Oito nomes da Galiza e seis de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. Galiza presentará os directos de Antía Muíño, Mondra, Anxo Araújo, Diego Alonso 5tet, Habelas Hainas, Lontreira, Moura e Xurxo Fernándes; mentres Portugal achegará as propostas de Aníbal Zola, Expresso Transatlântico, María Monda, Maze, Retimbrar e Virgem Suta. 

Desde a equipa organizativa destacan que a diversidade continúa a ser a palabra clave na música ao vivo que vai ofrecer o MUMI 2023, cun mosaico de bandas e artistas que responden á riqueza das escenas galega e portuguesa. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica, pasando polo jazz, o pop, as músicas urbanas ou a canción de autoría, os showcases programados recollen a efervescencia musical que bule a ambas beiras do Miño cunha presenza moi destacada das músicas que experimentan a partir da raíz, e que non deixan de agromar. 

Colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa

A este primeiro adianto sumaranse nos próximos meses un programa de conferencias e sesións de traballo conxunto, e tamén outras propostas musicais que serán convidadas a participar no encontro. 

Entre estas propostas inclúese unha colaboración coa Fira Mediterrània de Manresa, o mercado de referencia para as músicas que utilizan a tradición e a cultura popular como motor creativo. 

Grazas a este intercambio, o MUMI vai contar na súa programación cunha proposta musical catalá seleccionada pola Fira, que á súa vez recibirá na súa próxima edición en outubro unha proposta galega da pasada edición do MUMI, que terá a oportunidade de realizar un showcase neste importante mercado onde se dan cita programadores de todo o mundo.

As inscricións profesionais para o MUMI 2023 continuarán abertas a través da páxina mumimusicas.eu

Comentarios