Celeste Caeiro, a muller de orixe galega que deu nome á Revolução dos Cravos

"Peguei um cravo, o primeiro foi vermelho, e ele o aceitou. Como sou assim tão pequenina e ele estava em cima do tanque, teve que esticar o braço, agarrou o cravo e o colocou em seu fuzil", relataba recentemente a gran protagonista, canda o xa mítico 'Grândola' do Zeca Afonso, do 25 de abril de 1974. A vindeira semana fará 90 anos.
Celeste Caeiro cumprirá 88 anos o vindeiro 2 de maio (Foto: AJA).
photo_camera Celeste Caeiro fará 90 anos o vindeiro 2 de maio. (Foto: AJA)

A madrugada do 25 de abril de 1974 foi diferente a todas as anteriores para un país sometido durante máis de catro décadas baixo o xugo dunha ditadura de inspiración fascista, a máis longa de Europa. Contra as 22.55 horas do día anterior a Rádio dos Emissores Associados de Lisboa retransmitía a canción coa que Paulo de Carvalho representara Portugal no Festival de Eurovisión, E depois do adeus. Que unha emisora emita un tema exposto en todo o continente non debería chamar a atención; porén, malia que poida parecelo, a escolla non foi casual.

Aquela sintonía era o primeiro sinal para que o Movimento das Forças Armadas, organización militar de esquerdas e contraria ao Réxime, activase a primeira fase dunha operación que levaba xa un tempo xestándose. Era o principio do fin do Estado Novo salazarista, naquela altura liderado por Marcello Caetano. O segundo e definitivo sinal chegaba, ao fío da medianoite, desde as ondas de Rádio Renascença:

Grândola, vila morena
Terra da fraternidade
O povo é quem mais ordena
Dentro de ti, ó cidade

Ese popular himno que José 'Zeca' Afonso estreara dous anos antes en Santiago de Compostela tornaba nun dos principais símbolos do levantamento do pobo contra a ditadura. O segundo, os caraveis que dan nome á revolución portuguesa, podería dicirse tamén que ten —en certa medida— a súa orixe na Galiza.

Coa saída do sol e en plena revolución, a cidadanía deixou os seus quefaceres diarios e tomou as rúas da capital, repletas de militares. As balas, porén, non foron protagonistas. Aquel día facía un ano desde a súa apertura o restaurante no que traballaba Celeste Martins Caeiro, de nai galega e nada en Socorro (Lisboa) en 1933. Con motivo da celebración pensaban agasallar un caravel ás mulleres e un viño do Porto aos homes, mais o local non chegou a abrir por mor dos acontecementos.

Celeste, militante do clandestino Partido Comunista Português, apañou un par de ramos e marchou para acompañar os seus compatriotas nunha histórica xornada. Achegouse a un grupo de soldados para preguntar que está a pasar e, após explicarllo —"Vamos para o Quartel do Carmo, onde está Marcello Caetano, o presidente"—, un deles pídelle un cigarro. "Só teño flores", respondeu, e, sorrinte, deulle un dos caraveis que rescatara do restaurante.

Celeste Caeiro coloca un caravel no fusil dun soldado. (Foto: Centro de Documentação 25 de Abril)
Celeste Caeiro coloca un caravel no fusil dun soldado. (Foto: Centro de Documentação 25 de Abril)

O soldado aceptou o caravel e colocouno no canón da súa arma. Os seus compañeiros repetiron o xesto e Caeiro, que fará 90 anos o vindeiro 2 de maio, repartiu todas as flores que tiña. Horas máis tarde, moitas outras persoas sumáronse a esta acción simbólica e comezaron distribuír unha flor que hoxe é sinónimo de loita, liberdade e democracia.

"Eu nunca fumei [...] Não tinha nada mais para dar a não ser um cravo. Olhei para os cravos e disse lamentava, mas que só tinha flores. Peguei um cravo, o primeiro foi vermelho, e ele o aceitou. Como sou assim tão pequenina e ele estava em cima do tanque, teve que esticar o braço, agarrou o cravo e o colocou em seu fuzil", lembraba recentemente nunha entrevista coa axencia EFE.

Ela, porén, non pretendía converterse na muller que deu nome a un dos momentos máis importantes na historia de Portugal: "Nunca esperei que os cravos viessem a derivar em tudo isto, foi um gesto sem segundas intenções". Mais, ás veces, a historia dános protagonistas inesperadas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios